O PP arrinca en Carballo unha nova rolda de comarcais co obxectivo de conformar os mellores equipos para as municipais

A menos de oito meses para a cita coas urnas municipais, a dirección do Partido Popular da provincia de A Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, e polo seu secretario xeral, Evaristo Ben, arrincou hoxe en Carballo unha nova rolda de reunións comarcais que levarán aos populares a citarse mañá cos alcaldes e portavoces do partido xudicial de Santiago e, este venres, cos seus homólogos na comarca do Barbanza.

Na reunión desta tarde, e ante os representantes do PP nos concellos de Cabana, Carballo, Coristanco, Laxe, Laracha, Malpica e Ponteceso, Calvo insistiu na “importancia” deste tipo de encontros para manter ao partido “vivo, en escoita permanente e traballando na confección dos mellores equipos” co obxectivo de afrontar con plenas garantías a cita coas urnas locais.

“Levamos tempo xa coa mente posta nunhas eleccións que deben ser o punto de partida do cambio político que necesita España en moitos aspectos”, asegurou o presidente popular, quen incidiu na importancia de que a súa formación ofreza aos veciños “unha alternativa estable e eficaz” nos lugares nos que non goberna e, alí nos concellos onde si o fai, reforce as súas maiorías para continuar demostrando os beneficios que se derivan dunha xestión “seria e centrada nas necesidades das persoas”.

Bos exemplos
Diego Calvo aproveitou a presenza dos alcaldes de Cabana, Laxe, Malpica, Coristanco e Laracha para destacar que na comarca de Bergantiños os veciños teñen bos exemplos do que supón contar cun goberno do Partido Popular. “Aquí non vimos prometer cousas que non teñamos demostrado. Aquí basta con botar unha ollada do que son capaces de ofrecer os nosos alcaldes e comparalo cos problemas que existen en Ponteceso, cun alcalde en minoría e con só dous apoios, ou co proxecto caduco de Evencio Ferrero en Carballo”, asegurou.

Neste sentido, o líder dos populares subliñou que a súa formación aspira non só consolidar as maiorías coas que xa conta, senón que buscará ser a forza maioritaria no resto de municipios. “Se facemos as cousas ben, se traballamos duro estes meses e se estamos preto da xente propondo e ofrecendo unha alternativa real, non renunciamos a nada en municipios como Carballo e Ponteceso”, apuntou Calvo.

Modelos caducos e de confrontación
Ao marxe do traballo interno que debe levar a cabo a súa formación, o presidente popular quixo facer fincapé nos gobernos socialistas e nacionalistas que existen en Carballo e Ponteceso.

Sobre o primeiro, Calvo indicou que seguen envolvidos en consignas independentistas que defende Ana Pontón, mentres que do segundo, o popular puxo o acento nas disputas e purgas internas que practica Sánchez dentro da súa formación e que foron a tónica predominante no mandato de Ponteceso.

“Por moito que o señor Ferrero trata de apartarse, o certo é que pertence a un BNG que segue ancorado na política do ‘non’ e da confrontación”, dixo o popular, quen engadiu que o proxecto nacionalista está xa “caduco” e “falto de ambición”.

Por último, Calvo referiuse tamén á xestión de Xosé Lois García en Ponteceso, da que o presidente popular resaltou que o único que coñeceron os veciños son denuncias internas, enfrontamentos e dimisións.

“De xestión, da presentación de plans e da elaboración de proxectos, nada de nada”, dixo o popular, quen volveu subliñar que, fronte a este “despropósito”, o seu partido ofrece a “seguridade, a certeza e a fiabilidade” dos seus alcaldes.