A deputada autonómica do Partido Popular, Carmen Pomar, asegurou hoxe cos orzamentos presentados polo Goberno Autonómico dan resposta ás necesidades e demandas dos concellos que conforman a comarca de Santiago de Compostela
Analizado o documento, a popular detívose en primeiro lugar no impacto directo que terá o orzamento na vida das persoas co incremento dun 41% en bonos de dependencia na provincia da Coruña, sumando ata 4.200 potenciais persoas beneficiarias.
“As familias seguirán desfrutando da gratuidade das escolas infantís e, tamén de axudas na conciliación puntual dos fillos e fillas a través do Bono Concilia ou o 29% máis para a atención temperá que virá a mellorar este servizo nas unidades da nosa comarca”, apuntou Pomar, quen engadiu a importancia do programa básico para familias con risco de exclusión ou os apoios económicos a vítimas de violencia de xénero.
En canto a atención sanitaria, a deputada puxo en valor a ampliación do CHUS que, segundo explicou, nesta anualidade, contará cun orzamento de 43, 2 millóns de euros, que se suma ao medio millón de euros que permitirá equipar a Unidade de Reproducción Asistida.
Pomar lembrou tamén que o centro pioneiro e punteiro de Protonterapia contará con máis de 13,6 millóns de euros para finalizar a obra e para a adquisición do equipamento.
Máis en concreto, e en referencia aos concellos da área de Santiago, a popular destacou os investimentos de crédito destinado para iniciar a actuación necesaria para a construción dun novo Centro de Saúde en TEO (comparte 600.000 euros con Porto do Son) ou o destinado para cofinanciar as obras de arranxo do Centro de Saúde de PADRÓN con 129.000 euros.
“Tamén haberá unha partida destinada á construción de vivenda pública na provincia, cun total de case 52,93 millóns, destacando a promoción pública en TEO e AMES, ou os case 2 millóns de euros que facilitarán a emancipación da mocidade”, dixo.
En canto a infraestruturas e mellora da mobilidade nos concellos da área de Santiago, a deputada incidiu no investimento de 1,2 millóns de euros na comarcalización do parque de bombeiros de Santiago, que afectará positivamente aos concellos de Teo, Ames, Brión, Val do Dubra, Trazo, O Pino, Boqueixón e Vedra.
A esta actuación, a popular engadiu, en materia de emerxencias, as axudas a protección civil da nosa provincia (120.000 euros), as subvencións para o funcionamento dos GES, ata 152.250 euros na provincia, ou as subvencións para elaboración e implantación de plans de actuación municipal ante incendios forestais.
“Todos os concellos da área de Santiago veranse favorecidos tamén co fondo xeral de 7 millóns de euros que a administración local disporá para axudar a concellos”, explicou.
Aposta pola mobilidade
Por outra banda, Pomar apuntou que a nova estratexia de mobilidade da Xunta de Galicia incrementa os investimentos para a Tarxeta Xente Nova (7 millóns para a provincia), inviste máis en sendas e aparcadoiros, nas novas paradas de bus, ou no transporte escolar integrado que contará con 46,6 millóns de euros na provincia. “Todo isto persegue facilitar o uso do transporte público e a comunicación dos concellos da área de Santiago para desprazarse habitualmente ou para calquera tipo de xestión”, dixo.
Dende Augas de Galicia, a popular puxo sobre a mesa as actuacións no saneamento no concello de ROIS, coa nova depuradora de Sorribas na que se investirán 300.000 euros. “Serán fundamentais as obras para evitar inundacións derivadas do cambio climático que terán 4 millóns de euros para os ríos Ulla-Sar”, apuntou o tamén deputado Ángel Rodríguez.
A nivel de estradas, os populares destacaron a partida que a Xunta destina a converter en autovía a Vía de Alta Capacidade Brión-Noia, e que verá crecer o seu orzamento nun 23%, chegando ata os 5,2 millóns de euros.
En canto á investimentos en centros educativos, o goberno autonómico investirá 1,5 millóns no CEIP de Pedrouzos, en Brión, a mesma partida no CPI Camiño de Santiago no concello de O Pino, e un 1,3 millóns de euros no IES de Curtis. A Xunta reforza, ademais, o seu compromiso co patrimonio cultural da provincia con restauracións na Igrexa de San Pedro en Melide –máis de 300.000 euros-.
“Galicia cumpre cuns orzamentos en alza, con actuacións transversais e axustándose ás principais demandas dos concellos e dos contextos formativos, produtivos e económicos”, explicaron os populares, que defenderon a presentación dunhas contas “para as persoas, sensibles cos máis vulnerables e que fan de Galicia, tamén dos concellos máis pequenos e rurais, o mellor lugar para vivir”.