O PP critica a desidia de Mirás por non solicitar un obradoiro da Xunta

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, criticou que os veciños do municipio non poidan beneficiarse do obradoiro de emprego posto en marcha pola Xunta de Galicia e dirixido a persoas desempregadas.

Con máis de 300 persoas sen emprego no municipio, a loita contra o paro, apuntan os populares, debería ser unha das “prioridades” dun goberno local que “se permite o luxo de nin sequera solicitar ningún dos dous obradoiros que o goberno autonómico pon ao dispor dos concellos”.

O obxectivo da iniciativa é que persoas desempregadas se formasen nun oficio mentres realizaban tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirían un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais son de 9 meses e os de garantía xuvenil de 6 meses.

Os participantes nos obradoiros duais poderían combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro.

O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

“O señor Mirás tennos a todos aburridos con que a Xunta discrimina a Oroso, cando a realidade e que estamos ante un alcalde cansado e que non cumple coas súas obrigas”, dixo Doval, calificou de “imperdonable” a “desidia” mostrada polo executivo local.

Neste sentido, o portavoz dos populares lembra que outros municipios da comarca como Ordes, Mesía ou Frades si participarán nestes obradoiros, confirmado, segundo Doval, que o rexedor de Oroso “non é capaz de poñerse de acordo con ningún outro rexedor da zona para solicitar un Obradoiro de emprego conxunto á Xunta de Galicia”.

“Resulta complicado de entender, e o alcalde debería explicalo, por que os veciños da comarca si poderán beneficiarse destes obradoiros e a xente de Oroso non o fará”, concluíu o popular.