O grupo do Partido Popular no Concello de Cee aproveitou o pleno celebrado o pasado luns para cargar contra “a falta de iniciativa” e a “mediocridade” da alcaldesa, Margarita Lamela, á que acusaron de vivir instalada na poltrona da maioría absoluta.
En concreto, o voceiro popular, Jesús Picallo, referiuse á “nula” actividade lúdica da que puideron gozar os veciños de Cee durante o pasado Nadal. “Mentres outros municipios da comarca se preocuparon de instalar unha pista de xeo, ter unha iluminación acorde ás datas, contar cun poboado navideño e organizar actividades para os nenos, en Cee quedamos coas ganas”, criticou.
Neste sentido, o líder dos populares en Cee lembrou que, cada día que pasa coa señora Lamela á fronte do Goberno Local, o municipio perde a súa condición de “motor económico e social” que lle corresponde como capital de comarca. “Temos unha alcaldesa e un executivo municipal mediocre e iso trasládase a todos os ámbitos. Cee, non só se ten estancado, senón que viu como outros concellos adiántano en todo tipo de iniciativas”, asegurou Picallo.
Por este motivo, o voceiro do PP, que subliñou que as semanas de Nadal deberían de servir como foco dinamizador da hostalería e o comercio do concello, criticou que a señora Lamela, lonxe de recoñecer erros, segue amparada na poltrona da maioría absoluta.
“Os veciños de Cee sofren as consecuencias diarias de ter unha alcaldesa acomodada, cun proxecto político caduco, sen iniciativa e incapaz de xestionar para colocar a Cee no lugar que lle corresponde dentro da comarca”, dixo Picallo, quen incidiu en que, o nadal tan “triste” que planificou a señora Lamela é só unha proba máis da súa “desidia”.
Falta de policía
Por outra banda, os populares aproveitaron tamén o pleno para censurar as palabras da alcaldesa nas que aseguraba que “a Policía Local non é necesaria en Cee”. Para Picallo, esta afirmación é unha “falta de responsabilidade e de respecto impropia do cargo que ocupa a señora Lamela e pola que debería dar explicacións e pedir perdón”.
Non en balde, o apuñalamento sufrido por un rapaz durante a Cabalgata de Reis e a noticia coñecida nos últimos días sobre os danos sufridos por varios coches aparcados no centro do municipio, lonxe de confirmar que a Policía Local non é necesaria, dixo Picallo, o que fixo é reafirmar que é “máis importante que nunca”.
“É incomprensible que a alcaldesa, en lugar de asumir a súa responsabilidade para solucionar o problema da falta de efectivos na Policía local, dea a sensación de que conforma coa desaparición dun servizo público de vital importancia para todos os veciños”, concluíu Picallo.