O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, a través da súa portavoz, Rosa Gallego, cualificou de “esperpéntico” e “incompresible” o voto en contra por parte do PSOE –o resto de formacións votaron a favor- da moción, que os populares presentaron no pleno da institución provincial, e que pretenden establecer un sistema de bonificación que rebaixe o prezo das viaxes na AP-9.
O texto recolle tamén a reclamación para deixar sen efecto as novas subas extraordinarias previstas para financiar as obras de ampliación da autoestrada, e esixe a convocatoria da comisión conxunta da AP-9 para abordar coa Xunta o modelo de bonificacións, e avanzar na transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada con todos os recursos necesarios para acometer as obras pendentes e para a súa axeitada xestión.
Os populares recordan que a autoestrada AP-9 é unha infraestrutura básica e vital de dinamización económica e social da comunidade autónoma. “Falamos dun eixe vertebrador que percorre a xeografía galega de norte a sur, na súa franxa atlántica, na que se concentra arredor do 60 por cento da poboación, e que conecta 5 das grandes cidades galegas”, dixo Gallego.
Neste sentido, a portavoz provincial lembrou que o Goberno de España anunciou, a finais do pasado ano e coincidindo coa presentación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2021, unha serie de actuacións sobre as peaxes que non se están a aplicar nesta autoestrada: como a bonificación das tarifas, e a invalidación das subas extraordinarias anuais.
“Non só non cumpriu ningún dos seus compromisos senón que permitiu á empresa concesionaria aumentar as tarifas, desoíndo o ditame do Consello Consultivo de Galicia que considera este incremento extraordinario nulo de pleno dereito”, indicou Gallego.
Este suba das peaxes, explicou a popular, redunda no “agravio comparativo” do que veñen sendo obxecto os galegos con respecto ao resto das autoestradas de competencia da administración central, onde a tendencia leva a rebaixar as peaxes. “O pasado 1 de xaneiro a autoestrada estatal que máis subiu as súas peaxes, o que a converteu nunha das máis caras de España é a AP-9”, lamentou a popular
En consonancia coa Xunta de Galicia
A reclamación do Partido Popular na provincia da Coruña súmase a feita pola Xunta de Galicia que trasladou xa ao Ministerio de Transportes a súa proposta de bonificacións das peaxes da AP-9, para que os 50 millóns de euros previstos nos Orzamentos Xerais do Estado se traduzan realmente en beneficios para os galegos e non para a concesionaria.
“O que buscamos é unha a maior rendibilidade social na aplicación das bonificacións, eliminar o impacto que produce a subida nos petos das familias e a diminución que xera na competitividade das empresas e do noso territorio”, asegurou Gallego.
Para conseguir este obxectivo, a Xunta de Galicia propón a bonificación do 100% da viaxe de volta para os vehículos lixeiros que empreguen a telepeaxe e que realicen a volta nun intervalo de 24 horas desde a ida calquera día da semana, ou ben un mínimo de dúas viaxes de ida e volta na mesma semana.
Ademais, a popular expuxo que a proposta do executivo galego recolle un desconto adicional do 25% na viaxe de ida para os vehículos lixeiros que utilicen a telepeaxe e que volvan nun intervalo de 24 horas, agás en domingos e festivos. A todo isto, dixo o popular, hai que engadir bonificacións do 60% en todas as viaxes para o caso das familias numerosas. Unha porcentaxe de bonificación, do 60%, indicou, será a que se aplique para todas as categorías de vehículos pesados, así como para os vehículos eficientes enerxéticamente, con distintivo ambiental.
“Atendendo a razóns de competitividade do sector do transporte e de seguridade viaria, a nosa proposta demanda tamén o desconto do 50% nas viaxes de ida e volta en horario nocturno, entre as 23 horas e as 6 da mañá”, apuntou a popular , quen fixo fincapé en que son “bonificacións útiles” para os galegos que permitirían, por exemplo, a un traballador que realiza todos os días unha viaxe de ida e volta entre A Coruña e Santiago no seu coche con telepeaxe, un aforro de máis de 1.800 euros ao ano.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742