Os deputados autonómicos do Partido Popular, Paula Mouzo e Rubén Lorenzo, cualificaron hoxe de “moi positivos” os orzamentos presentados o Goberno Autonómico e aseguran que as contas galegas responden ás necesidades e demandas dos concellos que conforman a comarca da Costa da Morte.
Analizado o documento, os populares subliñaron o “gran protagonismo” que teñen os investimentos da zona, destacando, en primeiro lugar, os 8 millóns de euros que se recollen nas contas para impulsar a VAC Baio-Berdoias neste 2026, os 10 millóns comprometidos para o 2027 e os 12 para o 2028. “Falamos dunha infraestrutura fundamental para vertebrar a nosa comarca e para mellorar a mobilidade de toda a nosa xente”, apuntaron.
Neste eido, os deputados puxeron sobre a mesa tamén o medio millón de euros que se leva a variante de Carballo que, tal e como explicaron, suporá, tendo en conta a situación dos trámites administrativos previos aos comezos das expropiacións e posterior licitación, un investimento total de máis de 22 millóns de euros.
No capítulo de industria, Mouzo e Lorenzo defenderon “a clara aposta” polo solo industrial que se fai dende Xunta de Galicia. “Bergantiños e Costa da Morte non quedarán atrás no que respecta a avanzar en máis solo industrial”, dixeron os populares, que destacaron a ampliación do polígono Industrial de Bértoa, en Carballo, cunha partida de 4,8 millóns de euros (coa previsión de inicio de obras no ano 2027), os 626.000 euros que se destinarán ao proxecto para a creación do polígono industrial de Coristanco, cun importe total de case 11 millóns, e os 64.497€ para o futuro polígono de Cabana, no que se investirán ata o 2032 máis de 20 millóns.
En canto ós polos de emprendemento, dende o PP apuntaron que recibirán 380.000 euros en toda a provincia, entre os que se atopa o do Concello de Coristanco, así como o apoio aos colivings, como o de Laxe.
Actuacións en saneamento
En materia de saneamento, os populares explicaron que os orzamentos galegos contemplan máis de 16 millóns para axudar aos concellos a implantar e mellorar os servizos de saneamento e abastecemento.
“Seguirase avanzando nas obras para evitar o risco de inundacións do río Anllóns, unha obra máis que necesaria e que suporán unha inversión total de 6,4 millóns de euros para os Concellos de Carballo e Ponteceso (306.000 nesta anualidade)”, explicaron os populares.
Ademais, as contas recollen diversas actuacións en saneamento e depuración, destacando os 13,9 millóns de euros para a depuradora de Cee-Corcubión (1 M€ para o 2026); 1,2 millóns para os colectores e depuradora de Beo en Malpica de Bergantiños, así como a nova depuradora de Traba no Concello de Laxe á que se destinará 1 millón de euros.
En canto a Portos de Galicia, o ente autonómico ten previsto acometer melloras nos portos da Comarca; case 300mil€ para a reposición de cuberta e acondicionamento de edificacións en Fisterra, e a dotación de departamentos para usuarios en Camariñas.
En materia de infraestruturas educativas, Mouzo e Lorenzo destacaron a rehabilitación integral do IES Alfredo Brañas, xa en obras, cunha inversión total de 1,7 millóns de euros, 1,3 millóns para o exercicio 2026. Tamén se acometerá na comarca unha reforma integral do CEIP O Areal de Camariñas, cun investimento previsto de 965.112 euros. “Ademais das obras, as familias da nosa comarca veranse beneficiadas co novo bono de comedores escolares cunha partida total nestes orzamentos de 3 millóns de euros”, explicaron.
Neste capítulo, as contas galegas recollen para este ano unha dotación específica de 600.000 euros para a redacción do proxecto do CIS de Carballo, infraestrutura que, segundo os populares, suporá un antes e un despois na atención sanitaria na Comarca de Bergantiños. Ademais, indicaron destinaranse 326.000 euros para un novo mamógrafo do Hospital de Cee.
Inversión en patrimonio
Por outra bando, os populares avanzaron que a Xunta de Galicia tamén afrontará neste 2026 a protección do patrimonio cultural da comarca levando a cabo a restauración do Santuario da Virxe da Barca -370.000 euros- e unha curiosa actuación arqueolóxica sub-acuática en Punta Restelos Cee e Corcubión (40.000 euros).
En canto ás políticas que favorecen directamente ás persoas, ademais do investimento en educación e sanidade, a inversión en política social céntrase,. Segundo Mouzo e Lorenzo, na atención á dependencia, así como o fomento de emprego e as rebaixas fiscais para impulsar a emancipación e o acceso á vivenda dos mozos. “Xa temos proxectos xa en marcha para construción de vivenda pública no Concello de Carballo”, apuntaron os populares, que destacaron a “importancia” de que os galegos teñan unhas contas aprobadas en “tempo e forma” que xeran certezas e seguridades. “Galicia cumpre un ano máis coa súa responsabilidade, algo que non poden dicir outros gobernos”, concluíron Mouzo e Lorenzo.