Representantes do Partido Popular nos concellos de Padrón, Rois e Dodro visitaron esta mañá a estación de tren da Matanza para reclamar a reactivación do servizo ferroviario e as frecuencias habituais entre Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela, que levan preto de tres semanas interrompidas “sen ningún tipo de explicación nin información aclaratoria” por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
Os cargos populares, encabezados polo deputado autonómico e concelleiro padronés Ángel Rodríguez Conde e polo alcade de Rois, Ramón Tojo, anunciaron a inminente presentación dunha Proposición Non de Lei no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno central a restituír as frecuencias habituais e a prestar un servizo ferroviario de calidade.
Rodríguez Conde considera “inxustificable” a suspensión do servizo sen proporcionar ningún tipo de información ás persoas usuarias habituais e cualifica como “surrealista” que se sigan a vender billetes como se o servizo estivera a funcionar con normalidade e que logo se contrate un minibús para desprazar ás persoas usuarias.
“A supresión do servizo ferroviario está a ocasionar notables prexuízos aos usuarios frecuentes e non vemos que o alcalde socialista de Padrón, que tan proactivo é para enfrontarse á Xunta de Galicia, estea a defender os intereses da veciñanza como debería diante do Goberno central”, remarcou o deputado popular.