O Congreso Provincial do PP da Coruña terá lugar o próximo 25 de setembro, tal e como aprobou hoxe a xunta directiva provincial reunida na Coruña baixo a presidencia de Diego Calvo e coa asistencia, entre outros, do secretario xeral do PPdeG.
A cita, á que se poderán presentar candidaturas ata o día 3 de agosto, terá lugar despois da celebración do congreso rexional este fin de semana, onde Alberto Núñez Feijóo revalidou a confianza dos afiliados e onde quedou constancia, segundo explicou Diego Calvo, de que o Partido Popular traballa na mesma dirección en todos os puntos de España.
“Está claro que somos un partido forte, unido, e cos obxectivos de traballo moi claros, centrados nas próximas eleccións municipais do ano 2023 e nas xerais do ano 2024”, explicou Calvo, que engadiu que o Partido Popular da provincia da Coruña está “obrigado” a recuperar as alcaldías que nunca deberon perderse nas eleccións do ano 2019 e volver a gobernar a Deputación da Coruña.
Coa vista posta nesas citas electorais, anunciou a súa disposición a seguir ao fronte da organización provincial outros catro anos. “Teño falado estes últimos días con moitos afiliados e cos responsables municipais da maior parte da provincia e, se a militancia así o quere, estou a súa disposición para seguir traballando como ata agora polo noso partido”, asegurou.
Ao servizo dos coruñeses
Durante a súa intervención, salientou o seu convencemento de que o Partido Popular é o que máis se parece aos coruñeses e a única formación política capaz de dar resposta plural ás necesidades plurais dos coruñeses.
“Empezamos no 2016 un traballo moi importante, renovando e consolidando as nosas estruturas locais, e nas últimas eleccións autonómicas conseguimos un resultado histórica, o mellor da nosa provincia ata o momento logrando 14 deputados autonómicos”, argumentou Calvo, que animou aos responsables municipais “a dar o mellor de si para recuperar os gobernos locais”.
“Temos que blindar aos nosos alcaldes revalidando as nosas maiorías absolutas, e temos que gañar tamén en moitos concellos nos que non gobernamos por moi poucos votos, sobre todo nas cidades, onde non é suficiente con sacar máis votos que os demais e temos que facer un traballo moi importante”, matizou o líder provincial, que anunciou un Congreso Provincial reformista e renovador que demostrará que o Partido Provincial da Coruña non é un proxecto individual, senón colectivo e por riba de personalismos, tal e como se demostrou no Congreso do PPdeG celebrado este fin de semana pasado.
“Quedou claro que o Partido Popular, todo o Partido Popular de España, traballa na mesma dirección, que non é outra que dar resposta ás necesidades dos cidadáns. Iso é o que faremos tamén na provincia da Coruña”, apuntou.
Reactivación económica
Neste sentido, Calvo fixo fincapé en que o traballo dos próximos anos terá que centrarse na reactivación económica post-pandemia, algo no que os concellos teñen que ser fundamentais. “Unha vez máis, teño que eloxiar o enorme traballo feito polos nosos alcaldes durante a pandemia, e estou seguro de que volveremos estar á altura das circunstancias agora, cando toca facer un esforzo sobrehumano de cara á recuperación económica”, salientou.
Insistiu, finalmente, no carácter aberto e integrador do Partido Popular da provincia da Coruña, onde teñen cabida todas aquelas persoas que queiran facer algo por mellorar a calidade de vida dos seus veciños.
Comunicacións a debate no Congreso
José Manuel Rey Varela e Fabiola García Martínez serán os responsables das comunicacións que se presentarán no Congreso Provincial do próximo 25 de setembro. A do portavoz ferrolá versará sobre os Novos retos para o municipalismo e a da conselleira de Política Social centrarase nos Servizos públicos máis modernos e eficaces para a Galicia das familias.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742