O PP da Coruña contará cun comité permanente de alcaldes para a coordinación de accións conxuntas |

O organigrama do Partido Popular da provincia da Coruña contará cun comité de alcaldes e un comité de portavoces onde terán cabida todos os responsables municipais da provincia.

 

A creación destes novos organismos, que se reunirán de forma periódica nas diferentes contornas, ten como obxectivo fomentar as relacións entre os diferentes rexedores e voceiros municipais, e poñer en común as iniciativas que se levan a cabo en diferentes concellos, así como a coordinación de accións conxuntas.

 

Diego Calvo, o presidente provincial e candidato á reelección no 16 Congreso Provincial que terá lugar o próximo 25 de setembro na Coruña, asegurou que hai meses que leva traballando nesta idea: “Temos moitos alcaldes na provincia, e moitos xeitos de traballar diferentes, todos válidos e todos extrapolables dun lugar a outro. Creo que é moi importante institucionalizar a súa función dentro do partido a nivel provincial porque é o xeito máis idóneo de intercambiar experiencias e poñer en marcha iniciativas comúns”.

 

Segundo explicou o presidente provincial, estes novos organismos terán tanto función consultiva como difusora e executora de accións municipais a nivel provincial, pois o habitual é que os problemas e necesidades dos veciños dun determinado concello sexan tamén as do concello veciño.

 

“Queremos ampliar os nosos equipos, ampliar a nosa forma de traballar e tratar de adiantarnos aos problemas que poidan xurdir nos concellos porque por experiencia temos visto que unha cuestión que preocupa nun lugar acaba preocupando tamén noutros”, explicou Calvo, que ve nestes novos comités de alcaldes e portavoces “un foro onde poderemos prever situacións e tratar de darlles solucións canto antes”.

 

O presidente provincial elevará esta proposta aos compromisarios que participarán no 16 Congreso Provincial do Partido Popular e votarán a súa proposta para os próximos catro anos. “Estou seguro de que imos ter o apoio maioritario dos nosos a esta iniciativa, porque os alcaldes e os portavoces dos municipios son a nosa cara máis visible, as persoas que están máis preto dos seus veciños, os que mellor coñecen as súas demandas e todos temos moito que aprender deles”, explicou Calvo.

 

Premios Falar facendo

Neste senso, lembrou que xa hai algo máis dun ano puxéronse en marcha desde o PP provincial os galardóns Falar facendo, destinados a premiar as mellores iniciativas municipais en diferentes ámbitos. “A pandemia sanitaria paralizou a entrega dos premios, pero foi precisamente a súa creación a que nos fixo pensar neste comité de alcaldes e portavoces, porque comprobamos a grande cantidade de traballo que se fai nos concellos e que, moitas veces, non ten a difusión que merece, nin sequera entre o resto dos municipios”, salientou o titular provincial.