O PP da Coruña creará unha rede de vicesecretarías territoriais para atender as xuntas locais de toda a provincia

O presidente do Partido Popular da provincia da Coruña e candidato á reelección, Diego Calvo, avanzou hoxe a súa intención de crear unha rede de vicesecretarios territoriais dentro do organigrama da dirección provincial da súa formación, coa que o popular pretende dar unha mellor resposta ás demandas e os problemas dos veciños de cada un dos 93 concellos de A Coruña.

 

Sabedor da importancia de incrementar a presenza na rúa e a proximidade coas persoas para coñecer de primeira man as súas necesidades, os futuros vicesecretarios territoriais terán a responsabilidade de estar ao tanto de todos e cada un dos asuntos que poden afectar os diferentes territorios da provincia e mesmo de atender o funcionamento das xuntas locais populares.

 

Integrantes do núcleo central do organigrama provincial, a figura de cada un deles servirá para reforzar o peso específico dos populares no territorio e permitirá aos militantes, afiliados e simpatizantes contar cun nexo directo de comunicación co presidente do partido.

 

Apuntalar o partido

A creación da figura de vicecretario territorial enmárcase tamén na intención que Calvo ten de ensanchar a base do partido, abrir as portas á chegada de máis persoas, e así afrontar con maiores garantías as próximas citas electorais municipais, xerais e autonómicas.

 

Co seu labor, os novos cargos deberán articular as diferentes agrupacións locais, a través das cales, e mediante o contacto directo con todos os seus membros, conseguir que os populares estean sempre ao día da actualidade de cada comarca.

 

Baixo o lema de Seguimos para sumar, o candidato é consciente da necesidade de seguir apuntalando a estrutura do partido para poder escoitar a todo o mundo, aprender das persoas que están preto da formación e, desta maneira, confirmar a presenza do Partido Popular no último recuncho do territorio para facer fronte á desafección que existe pola clase política, a inestabilidade xerada polo actual Goberno Central e a crise social e económica que vive na actualidade o país.

 

Comité asesor externo

Nesta mesma liña, o candidato popular puxo sobre a mesa a creación dun Comité Asesor Externo que estará formado por profesionais con solvencia en diferentes sectores tanto económicos como sociais, non afiliados do Partido Popular e que terán como función o asesoramento do presidente acerca de diferentes asuntos.

 

Serán esas persoas as que, de maneira desinteresada e de xeito alleo á política e tamén ao partido, darán unha visión estudiada ante situacións que poden afectar en determinados momentos e sobre asuntos moi diversos.