“Quédanos un ano de moito traballo, un ano de máximo esforzo para que en maio do 2027 poidamos celebrar uns grandes resultados do Partido Popular nos 93 concellos da provincia da Coruña”. Así de claro mostrouse o presidente popular, Diego Calvo, durante a reunión que esta semana mantivo con alcaldes e voceiros dos municipios da comarca de Bergantiños.
Acompañado polo Secretario Xeral da súa formación na provincia da Coruña, Evaristo Ben, e polo vicesecretario de Organización e Territorio, Gonzalo Trenor, Calvo dirixiuse aos representantes dos populares en Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica, Cabana de Bergantiños, Laracha e Ponteceso para insistir en que o seu partido afronta as municipais do próximo ano co claro obxectivo de alcanzar o goberno da Deputación da Coruña.
“Estou seguro de que os imos a conseguir. De que os veciños de toda a provincia saberán valorar o traballo que están a facer os nosos alcaldes, pero tamén o que están a facer os que agora son os nosos voceiros e que o próximo ano serán alcaldes”, apuntou Calvo.
Nesta liña, o líder dos populares, que aproveitou para facer balance e coñecer de primeira man a situación política na que se atopan os municipios desta comarca e os seus problemas, adiantou que nas próximas semanas a súa formación comezará a dar coñecer o nome dos candidatos.
“O PP dará a coñecer os candidatos nos 93 municipios. Iso non o poden dicir outras formacións. Presentaremos aos mellores”, dixo Calvo, quen insistiu en que, á marxe dos cabeza de lista, o máis importante é “contar con grandes equipos”. “Os partidos non os gaña un só xogador, gañan os persoais e os equipos unidos e que pelexan todos xuntos ata o último minuto”, asegurou.
Unha situación de “inestabilidade nunca vista”
Na reunión, os populares tiveron tempo tamén para repasar a actualidade política das últimas semanas e que, segundo Calvo, esta a levar ao país a unha situación de “inestabilidade nunca vista”.
“Xa ninguén sabe que escándalo máis pode pasar. É imposible prever que vai facer Pedro Sánchez, o único que podemos ter claro é que fará só aquilo que lle conveñen a súa persoa”, apuntou Calvo, quen cargou contra os socios do Goberno.
“Non sei a que esperan formacións como o BNG para deixar de apoiar ao Goberno. Coa súa actitude están a ser cómplices e partícipes dunha situación que non se pode tolerar”, afirmou Calvo, quen, mentres todo isto sucede, insistiu na idea de que o seu partido ten que estar preparado para o que poida vir.
Neste sentido, o presidente popular recalcou que o PP é un “valor seguro”, á vez que incidiu na necesidade de que a súa formación se presente como “unha alternativa sólida” ante un PSOE en clara descomposición
“Temos que seguir ao noso. Traballar, traballar e estar preparados para cando sexa o momento de votar a nivel nacional ou local”, concluíu Calvo.