O PP de Arzúa denuncia o abandono no servizo do lixo

O Partido Popular de Arzúa denuncia que o goberno de Alternativa por Arzúa non está a atender as demandas dos veciños no servizo do lixo, xa que nin se instalan os contedores solicitados nin se reforza o servizo de recollida mediante un aumento da frecuencia da mesma.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda provee gratuitamente aos concellos que llo solicitan os contedores normais, os máis empregados, pero segundo o portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Rafael Rivadulla “o goberno de José Luis García despreza as peticións de veciños de distintas parroquias de instalar máis contedores, mesmo nas rutas de recollida actuais”.

Son varias as peticións que lle constan ao Partido Popular de Arzúa para a substitución de contedores en mal estado e colocación de novos contedores cos que gardar o lixo excedente que non cabe nos existentes, tendo que depositar ao lado dos contedores as bolsas de lixo, cos problemas que ocasiona a súa rotura por animais ou por cheiros ao estar ao sol no verán, mesmo durante varios días, ata a súa recollida polo servizo municipal do lixo.

Os populares consideran grave que o Concello, tendo a oportunidade de obter gratuitamente contedores cos que satisfacer a demanda veciñal, se escuse con que o Concello non dispón de contedores, e mesmo que non pode reforzar o servizo.

Segundo Rivadulla, “un concello turístico como é o de Arzúa ve prexudicada a súa imaxe, en especial na área de afección dos Camiños, con bolsas fora dos contedores, durante datas de maior afluencia de peregrinos e turistas, que coincide coa de maior temperaturas, cun cheiro notorio en aqueles contedores e bolsas ao sol durante varios días”.

Por esta razón acaban de rexistrar unha petición ao equipo de goberno de Alternativa por Arzúa para que se interese por esta cuestión e solicite á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda os contedores necesarios, á vez que reforce a recollida en aqueles puntos de maior deficiencia e demanda, ou a limpeza dos contedores, claramente insuficiente en algunhas parroquias do concello.