“Pasamos das palabras aos feitos. O compromiso do Goberno Galego con Cee é una realidade”. Así de contundente mostrouse nos últimos días o voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Cee, Jesús Picallo, despois de coñecer que a Xunta de Galicia investirá neste ano 2025 1,4 millóns de euros para a posta en marcha do hospital de día oncolóxico.
Os populares, que lembraron que este investimento foi comprometido durante a última campaña municipal, permitirá o acceso a tratamentos especializados para enfermidades oncolóxicas e hematolóxicas como quimioterapia e transfusións, sen necesidade de desprazamento nin de hospitalización prolongada. A previsión, explican, é atender ata 365 doentes ao ano, cunha poboación de referencia de 36.000 persoas.
“Estamos a falar dunha demanda histórica e moi reclamada, non só polos veciños de Cee, senón por toda a comarca. Significará un antes e un despois no tratamento deste tipo de enfermidades”, apuntou Picallo.
Lonxe de quedarse aquí, o portavoz popular asegurou que a posta en marcha do hospital mellorará a calidade de vida dos pacientes, ao ofrecer, apuntou Picallo, tratamentos ambulatorios. “Os doentes poderán recibir atención médica sen interromper de maneira importante a súa vida diaria e podendo volver a casa no mesmo día”, indicou.
Unha atención integral e continuada
Nesta idea, dende o PP de Cee insisten en que os hospitais de día posibilitan unha maior eficacia, cunha atención integral e continuada, permitindo un enfoque multidisciplinar do tratamento do cancro, onde os pacientes poden recibir atención de oncólogos, hematólogos, persoal de enfermería e outros profesionais nun só lugar, o que facilita un seguimento máis próximo e unha atención máis coordinada.
“A creación destes dispositivos asistenciais tamén posibilita a inclusión de programas de prevención e detección precoz, fundamental para mellorar os resultados dos enfermos de cancro”, informou Picallo, quen engadiu que un hospital de día pode ofrecer servizos de apoio psicosocial, como terapias e grupos de apoio, esenciais para o benestar do paciente.
Agradecidos polo esforzo que o Goberno Autonómico realizará para facer realidade a construción deste centro, os populares lembraron que a posta en marcha deste hospital foi un dos seus principais obxectivos durante os últimos meses. “Mentres desde o Concello todo foron trabas, nós fixemos todo o que estaba na nosa man para que este proxecto fose aprobado”, concluíu Picallo, quen criticou á alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, por tratar de adxudicarse agora “un tanto que non lle corresponde”.