O PP de Oroso critica o custo da estatua da Muller Labrega instalada en Sigüeiro

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, cuestionou hoxe que o goberno local gastase 15.000 euros -14.080 da propia figura e 626 da iluminación- das arcas municipais na colocación da estatua da Muller Labrega en Sigüeiro.

Lonxe de poñer en cuestión o importe papel das mulleres labregas, os populares mostraron o seu desacordo porque entenden que no municipio existen moitas outras prioridades e necesidades veciñais que están sen atender.

“Os veciños non fan máis que pagar impostos e o bipartito local dilapida os recursos públicos en asuntos que non son o máis importante para mellorar a calidade de vida da xente de Oroso”, lamentou Doval.

Por outra banda, os populares aproveitaron para anunciar que a súa formación presentará -un ano máis- no próximo pleno ordinario unha moción para que os orzamentos locais non inclúan o famoso imposto de plusvalías municipais.

“Oroso é un dos poucos concellos de Galicia no que se aplica este imposto e consideramos que, dalgunha maneira, con este tipo impositivo está a minguarse a capacidade económica das familias do noso municipio, ademáis de ser un imposto completamente inxusto e desproporcionado”, concluíu Doval.