O PP de Oroso leva ao Congreso a anulación da intersección da N-550 cara o Portiño

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, anunciou hoxe que a súa formación levará ao Congreso dos Deputados a anulación da intersección da N-550 cara o Portiño tralas obras da nova rotonda.

Os populares lembran que, desde o inicio da obra para a construción da nova rotonda no núcleo urbano de Sigüeiro na intersección da N-550 co DP-3801, puxeron sobre a mesa que o proxecto tiña unha grave deficiencia ao anular o xiro á dereita en dirección ao Portiño.

“Estamos a falar dunha intersección que non só dá servizo a esta rúa, senón que tamén ás persoas que van á Estación, a Praza de Chinto, Vilacide, e mesmo aos veciños do Concello de Trazo”, apunta Doval.

Ante esta situación, e en vista de que o Goberno Local non atendeu as peticións do Grupo Municipal do Partido Popular, a Deputada, Marta González, trasladará esta demanda ao Congreso dos Deputados.

“O que non podemos é quedarnos cos brazos cruzados. A eliminación do xiro suporá un gran prexuízo para os veciños e os comercio da zona, xa de por si bastante discriminada por parte do goberno bipartito municipal”, dixo Doval.