O PP denuncia a forte carga fiscal que sofren os veciños de Cee tras aprobar o Goberno Local unha subida no servizo de recollida de lixo

O grupo do Partido Popular no Concello de Cee responsabilizou hoxe a través de su portavoz, Jesús Picallo, ao Goberno Local da forte carga fiscal que sofren os veciños, despois de que o executivo municipal aprobase no pleno celebrado este venres unha nova subida de 15,62 euros na taxa que regula o servizo de recollida de lixo.

 

Os populares lembran que a este novo incremento hai que engadir a subida o ano pasado da taxa de cemiterios, de vados e das escolas de música e de teatro. “Non se pode saquear máis ás familias a base de incrementar os impostos para tapar a nula xestión económica da alcaldesa”, apuntou Picallo, quen acusou ao a rexedora de “botar unha vez máis balóns fora” culpando a Sogama para non asumir as súas responsabilidades á fronte do Consistorio.

 

Neste sentido, desde o Partido Popular de Cee incidiron en que a señora Lamela “vai sempre sobre os mesmos”, en relación a que, segundo Picallo, os veciños levan anos sufrindo unha carga fiscal que non é acorde cos servizos que reciben por parte do Concello.

 

Atasco na tramitación urbanística

Por outra banda, os populares aproveitaron a quenda de rogos e preguntas para denunciar o atasco na tramitación urbanística que existe na actualidade e que, segundo Picallo, trae gravísimas consecuencias para a actividade económica de Cee.

 

“Promotores, empresas da construción, futuras empresas que queiran instalarse en Cee, os propios veciños e as arcas municipais están a ver atrasado a cobranza do Icio (imposto que se paga cando se obtén a licenza municipal)”, subliñou Picallo.

 

Con todo isto, os populares esixen á señor alcaldesa que se centre en xestionar, en resolver os problemas da oficina técnica para que, desta maneira conseguir un ingreso considerable nas arcas municipais que, segundo Picallo podería evitar a subida continua de impostos.