O PP denuncia ante a Valedora do Pobo o uso partidista das canles de comunicación do Concello de Oroso

O grupo do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, denunciará ante a Valedora do Pobo ao executivo local polo que os populares consideran o “uso partidista” das canles institucionais de comunicación do municipio.

Desde o PP consideran “intolerable” a política de comunicación que o Concello de Oroso realiza a través dos diferentes canles e soportes mediáticos co que conta o Concello de Oroso. “Levamos moito tempo soportando que o alcalde realice un uso inadecuado do Facebook ou a web municipal, colgando asuntos que pouco ou nada teñen que ver coa vida municipal que preocupa aos veciños e si cos seus intereses de partido”, dixo Doval.

Neste sentido, o portavoz dos populares subliñou que as canles de comunicación do Concello de Oroso non poden servir de “altofalantes mediáticos” para pregoar ideas políticas a favor dun determinado grupo político. “Estamos ante un modelo de comunicación máis propio de estados totalitarios que de democracias”, dixo Doval, quen censurou que o grupo de goberno cope os soportes municipais con notas de prensa e comentarios que non forman parte da actividade política do municipio.

Ante esta situación, os populares, que reclaman as mesmas oportunidades para os restos de forzas políticas, solicitarán ante a Valedora do Pobo que o executivo local retire de xeito inmediato todas as publicacións que non fan referencia a aspectos puramente de gobernó, “o Facebook do concello debe ser un mero trasmisor de información obxectiva de ámbito municipal” indica Doval.

Defender os intereses de Pedro Sánchez
Noutro orde de cousas, os populares cargaron tamén contra o bipartito local ao que acusan de defender a postura adoptada por Pedro Sánchez no referente á “incautación” dos remanentes municipais en lugar de preocuparse polas necesidades dos veciños.

“Neste momento de pandemia e de dificultades en lugar de arrimar o ombreiro e traballar conxuntamente con outras administracións, o executivo local mantén unha actitude ‘guerracivilista’ contra a Xunta”, asegurou Doval, que aconsellou ao o goberno municipal que tome nota dos partidos da oposición (PP e OR) que, na súa opinión, estiveron ao lado do goberno local nesta pandemia pese á falta de lealdade dos membros do goberno e a inacción ante os retos que plantexa a pandemia.