O PP denuncia que Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis rebaixas de condenas debido á lei do só si é si

A deputada nacional do Partido Popular pola provincia da Coruña, Marta González, denunciou hoxe que Galicia é a quinta comunidade autónoma con máis rebaixas de condenas debido á lei do só si é si. En total, dixo a popular, un total de 51 agresores sexuais beneficiáronse a día de hoxe dunha redución da súa pena grazas, indicou, á “ineptitude” do goberno liderado por Pedro Sánchez.

En rolda de prensa, e acompañada polas tamén deputadas, Tristana Moraleja e Valentina Martínez, e polo senador, Miguel Lorenzo, González cargou contra o executivo nacional por permitir o “indulto” a 582 agresores sexuais debido á reforma dunha lei que, engadiu, permitiu que, por exemplo, en Galicia 4 agresores sexuais puidesen saír do cárcere antes de cumprir a condena que tiñan.

“Vivimos unha situación delirante e moi lamentable, provocada por un Goberno que fixo oídos xordos a todas as advertencias que falaban do que está a pasar e, o que é peor, que saíu a defender a reforma”, subliñou a deputada popular, quen volveu a reclamar a dimisión da Ministra de Igualdade, Irene Montero, e responsabilidade a Sánchez por non tomar medidas.

Plaxio da proposta do PP
A popular aproveitou tamén para censurar ao Goberno Central por atrasar a modificación da lei aprobada e permitir que os agresores sexuais continúen beneficiándose da rebaixa nas súas condenas. “O PP rexistrou unha proposición de lei o pasado 16 de decembro para recuperar as penas anteriores pero, lonxe de apoiala, o PSOE non emitiu o informe favorable que é necesario”, denunciou González, quen subliñou que, mentres o Goberno e os seus socios discuten sobre o cambio ou non da lei, “os agresores sexuais seguen saíndo á rúa”, nunha situación que, advertiu, podería estenderse durante os próximos 4 anos.

A deputada nacional referiuse tamén á proposta que o PSOE levará ao Congreso o 7 de marzo. “É un plaxio do que propuxemos o pasado 16 de decembro, pero xa adianto que contará cos nosos votos por moito que lle pese a Patxi López, que terá que tragar as súas verbas”, afirmou González, quen incidiu en que, de non ser polo apoio do PP, a proposta non sairá adiante debido á oposición dos propios socios de goberno.

Reforma lei seguridade cidadá
Por outra banda, Miguel Lorenzo aproveitou tamén para criticar a intención do Goberno Central de reformar a lei de seguridade cidadá para convertela, dixo, nun texto que ataca e deixa desprotexida o labor dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

“Falamos dunha reforma que só se xustifica polas presións dos socios de gobernos, unha reforma que non conta cos informes do Consello Xeral do Poder Xudicial e que ataca directamente ás ferramentas que teñen para o seu traballo os corpos e forzas de seguridade do Estado”, lamentou Lorenzo.

Neste sentido, o senador coruñés avanzou que, de saír adiante, deixarán de castigarse as manifestacións espontáneas, permitirase a gravación de imaxes dos axentes, condicionarase o valor probatorio das declaracións dos policías, limitaranse as identificacións e os cacheos e non se considerarán, entre outras cousas, desobediencia os insultos aos axentes.

“O único que buscan é deixar desamparados a aquelas persoas que velan pola democracia, a orde e a liberdade”, advertiu Lorenzo, quen reclamou que o Goberno Central dialogue coa partes implicadas en toda esta reforma.

Lorenzo referiuse tamén á situación de inseguridade que se vive na cidade da Coruña. Unha situación, que, ao seu xuízo, verase agravada pola entrada en vigor desta reforma. “Estamos a ser noticia polo aumento da criminalidade e do número de delitos. Non se trata de ser alarmistas, pero si de chamar a atención sobre o que está a pasar”, dixo o candidato popular á alcaldía da Coruña, quen volveu a reclamar a convocatoria da Xunta Local de Seguridade, o incremento de prazas de policía local, a volta da policía de barrio e un maior número de efectivos de policías nacionais.