O PP destaca o proxecto de Cooperativas Lácteas Unidas como modelo dun sector lácteo profesionalizado e vertebrado

Diego Calvo sinalou que o lácteo é un sector estratéxico para Galicia e incidiu en que as cooperativas son un motor fundamental no sector agrogandeiro

Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso do grupo empresarial coa integración da sustentabilidade nos seus procesos produtivos

Os candidatos número un e número tres do Partido Popular ao Parlamento de Galicia pola provincia da Coruña, Diego Calvo e Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá as instalacións centrais de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) en Ames. Durante o percorrido coñeceron os produtos que elabora a maior cooperativa láctea de Galicia e as innovacións previstas para este ano.

Diego Calvo puxo a CLUN como exemplo de que “se poden facer as cousas ben desde Galicia para Galicia” e sinalou a aposta da cooperativa pola innovación e a competitividade. Nesta liña, engadiu a importancia de impulsar o lácteo en Galicia, ao tratarse dun sector estratéxico na comunidade. Tamén indicou que cooperativas como Clun son “os verdadeiros motores do sector lácteo e da industria agrogandeira contribuíndo a mellorar a capacidade produtiva e a competividade dos gandeiros galegos”.

Pola súa parte, Ángeles Vázquez puxo en valor o compromiso de Clun coa “sustentabilidade” en todas as fases dos seus procesos produtivos, unha aposta que se traduciu nos últimos anos en investimentos por un importe de case 17 millóns de euros e pola que conta con numerosos recoñecementos e certificacións de calidade. Na súa opinión, este modelo de cooperativa sustentable e respectuosa co entorno, como evidencia a súa adhesión á Alianza galega polo clima, contribúe a facer do sector primario galego un referente, incidindo na importancia que ten a industria láctea para o futuro do rural, do medio ambiente e da “Galicia verde” que construíron as xeracións pasadas e herdarán as futuras.

Clun suma 3.500 socios e emprega de forma directa a máis de 400 persoas, ademais doutros empregos indirectos. En 2022 acadou unha facturación de máis de 240 millóns de euros e máis de 150 millóns de litros producidos nas súas fábricas, procedentes dunha trintena de concellos. Conta con dúas plantas de transformación láctea, tres de penso e seis tendas de alimentación e subministracións agrarias e exporta os seus produtos a máis de 60 países.