A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña esixiu hoxe á portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón, que dea a cara e que explique si a idea que ten a súa formación de defender a democracia é a mesma que a mostrada pola concelleira nacionalista, Mariela Aguilar, que acaba de ser inhabilitada durante dez anos para emprego ou cargo público pola sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña, despois de que esta edil decidise hai cinco anos suspender un pleno no que se ía a debater unha moción de censura do PP e Somos Fene contra o Goberno local do BNG.
Os populares consideran “inescusable” que a líder nacionalista se pronuncie sobre a actitude “propia de réximes totalitarios” mostrada pola señora Aguilar durante o pleno celebrado durante o 2017.
“Aquel día xa advertimos que estabamos ante un feito extremadamente grave que atacaba á democracia de forma inaudita e que agora se confirma coa sentenza que coñecemos no día de onte”, apuntan desde o PP provincial.
Neste sentido, os populares subliñan que a sentenza emitida vén confirmar que o vivido aquel 26 de outubro debeuse única e exclusivamente a intereses partidistas do BNG, deixando de lado os argumentos xurídicos e, o máis grave, apuntan os populares, coartando a lexitimidade política de dúas forzas –PP e Somos Fene- que representan a vontade da maioría dos veciños do municipio.
“Aquí non vale esconderse detrás da figura dunha edil que foi utilizada como cabeza de turco por parte da señora Pontón”, subliñan os populares, que defenden que os galegos teñen dereito a saber si o concepto de democracia que existe no BNG pasa por “incitar a non cumprir as leis e por non respectar as maiorías que establecen as urnas”.
Golpe de estado en Fene
Sobre este asunto, a dirección do PP na provincia da Coruña asegurou que, por desgraza, a actitude dos nacionalistas xa non sorprende a case ninguén. “Só hai que botar unha ollada aos aliados que a señora Pontón escolleu nos últimos procesos electorais para entender moitos dos seus comportamentos”, apuntan desde o PP.
A este respecto, os populares lembran que a líder do BNG non tivo reparos en aliarse con forzas independentistas de Cataluña e do País Vasco: as primeiras caracterizadas por tentar dar golpes de estado no seu territorio e, as segundas, por defender posicións afastadas da democracia e próximas ás armas.
“Si a señora Pontón e o BNG pretenden gobernar nos municipios a base de golpes de estado, ou ten a intención de que Galicia se converta nunha nova Cataluña, onde os políticos non respectan o Estado de Dereito, que o diga e que asuma as consecuencias”, concluíron os populares.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742