O secretario xeral do PP da Coruña e voceiro popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, esixiu hoxe ao presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que abandone a “demagoxia” e o “postureo” respecto aos investimentos para modernizar a liña ferroviaria entre Ferrol e A Coruña.
O popular realizou estas declaracións tras coñecer as palabras de González Formoso nas que reclamaba ao secretario de Estado de Transportes e Movilidad, José Antonio Santano, que o Goberno central apure os investimentos para a modernización desta liña ferroviaria.
“O señor Formoso coñece mellor que ninguén que o Goberno central do seu partido non ten absolutamente nada planificado para poder levar a cabo as actuacións necesarias que está a reclamar”, dixo Ben, quen acusou ao presidente provincial de ser “cómplice” no seu intento de “tapar as vergoñas” do executivo central.
Neste sentido, Ben incidiu en que o que debe facer González Formoso é “abandoar os actos de fe” e esixir que “dunha vez por todas” as administracións galegas, principalmente a Xunta de Galicia, teñan no seu poder o Plan Director do Corredor Atlántico que debe rexer estas actuacións.
Oito meses despois da reunión entre a administración galega e o Goberno central aínda non existe nin o grupo de traballo que se prometeu, nin se nomeou o interlocutor que RENFE ía ter para poder abordar os pasos para dar nin se concretaron prazos nin actuacións.
Vergoña
“González Formoso tivo que sentir moita vergoña ao ver que colegas do seu partido veñen a Galicia sen poder concretar nin feitos, nin investimentos para saír agora con estas declaracións”, censurou Ben.
Nesta liña, o secretario xeral do PP lamentou o papel de “comparsa” que está a desempeñar o mandatario socialista en toda esta situación, e lembrou que o presidente da Deputación, lonxe de defender os intereses dos concellos da comarca de Ferrolterra, o que está a facer é “crear cortinas de fume” para que non se fale da “falta de prazos e a nula concreción” de investimento por parte do Gobierno central en todo este asunto.
“Xa non enganan a nadie. Por moito que se esforcen, todo o mundo sabe seguimos sin ter nada sobre Plan Director do Corredor Atlántico e sen estas concrecións non se poden avaliar os compromisos, investimentos e prazos para que as administracións poidan fixar as súas aportacións”, concluíu Ben.