O PP esixe ao Goberno que retire o borrador do novo mapa concesional de transporte por estrada que deixaría illados a Arzúa e a Melide

deputada no Congreso pola provincia da Coruña, Marta González, lembrou hoxe que a súa formación reclamou ao Goberno Central que retire o borrador do novo mapa concesional estatal de transporte por estrada que, tal e como está deseñado na actualidade, deixaría illados aos concellos de Arzúa e de Melide.

Os populares, que presentaron unha proposición non de lei (PNL) que foi aprobada (a favor PP, en contra Vox, Junts, Bildu e abstención PSOE e Sumar) para pedir a modificación deste plan, subliñan que o mapa concesional supón unha “redución drástica” na prestación do servizo de transporte, debido a que só se teñen en conta criterios económicos.

Neste sentido, a popular explicou que, de saír adiante, o proxecto do Goberno deixaría sen parada en Galicia aos concellos de Arzúa, Melide, Chantada, O Corgo, Guitiriz, Baralla, Meira, Monterroso, As Nogais, Palas de Rei, Quiroga, A Pontenova, Trasmiras, A Mezquita, Ribadavia, Rios, A Rúa, Forcarei, Lalín, Tui, Silleda e O Porriño, que suman máis de 130.000 habitantes; eliminando 87 paradas nas catro provincias.

“O mapa é totalmente contraditorio a un dos piares da lei, como é a cohesión social. Vai en contra do citado principio despois de que vén establecer un servizo de transportes máis directo, con conexións unicamente cos grandes nodos de poboación, deixando fóra ás contornas rurais”, explicou González, quen indicou que esta situación choca de cheo coa realidade dos territorios do mundo rural con ampla dispersión e afectados polo reto demográfico.

Ante esta situación, a populares subliñan que o Goberno de España non pode pretender impoñer o mapa concesional –a proposición foi aprobada no Congreso e polo tanto o executivo ten que retirar a proposta- sen antes abordar o asunto no seo da Conferencia Sectorial dado que “estamos a falar dunha cuestión que nos afecta en conxunto e tamén á mobilidade do territorio”.

Por este motivo, dixo González, desde o PP reclaman ao Goberno que rectifique, acate o encargo que lle fai o Congreso, retire este plan e convoque a Conferencia Sectorial “que lle vimos demandando desde hai tempo para acordar un novo texto”.

Un mapa fundamental

Os populares lembran que resulta “fundamental e clave estratexicamente” o mantemento e a mellora do Servizo de Transportes Colectivo do Autobús como ferramenta de cohesión social dada a súa relevancia para os usuarios con menor renda e para a España Rural.

Así mesmo, defenden, apuntou González, a elaboración do mapa en colaboración coas CCAA para que se teña en conta os criterios sociais, xeográficos e demográficos particulares de cada territorio, por encima de criterios meramente económicos.

“O Estado debe actuar como garante da interconexión territorial”, afirmou González, quen asegurou que, desde o seu partido, apostarán sempre pola prevalencia do transporte público.