O PP esixe un pleno extraordinario para que Formoso explique o envío de publicidade a todos os domicilios da provincia en período de sombra

O voceiro do grupo do Partido Popular, Evaristo Ben, esixiu hoxe a celebración dun pleno extraordinario na Deputación da Coruña para que o presidente, Valentín González Formoso, dea as explicacións oportunas sobre o envío indiscriminado dunha publicación a todos os domicilios da provincia na que se “venden” supostas obras e investimentos realizados pola institiución nos 93 concellos da provincia dende o ano 2017.

 

Ben, que cualificou a acción dun feito “sen precedentes” na historia da Deputación da Coruña e que recorda que esas obras son accións levadas a cabo polos concellos e non pola institución provicial, denunciou que se trata dun envío que vulnera a Lei Electoral, tendo en conta que os veciños recibiron a publicación en pleno período de sombra tras a convocatoria das eleccións autonómicas para o próximo 18 de febreiro.

 

“Esiximos coñecer o expediente no que se xustifique a oportunidade e a legalidade da referida campaña, a pretendida utilidade da mesma e, concretamente, no que se expliquen a datas de tramitación, a participación directa dos servizos administrativos provinciais ou os procedementos de contratación e as empresas contratadas para o desenvolvemento da campaña, os custos e aplicacións orzamentarias afectadas, ou a falta de coordinación cos alcaldes da provincia”, demandou o voceiro provincial.

 

Utilización partidista de Deputación

Neste mesmo sentido, Ben considera “imprescindible” convocar tamén unha xunta de voceiros para coñecer a postura do resto de grupos políticos ante un feito que considera a “pinga que colma o vaso” dunha maneira de facer política na que o señor Formoso “utiliza a Deputación da Coruña para os seus intereses partidistas e agora para os intereses do candidato socialista”

 

Nesta liña, o líder dos populares na Deputación lembra que non é a primeira vez que o seu grupo advirte ao presidente da institución sobre este tipo de comportamentos, pero considera que co envío desta publicación traspasáronse “todas as liñas vermellas”. Por este motivo, Ben avanzou que o PP trasladará á Xunta Electoral este feito para que leve a cabo as medias oportunas que considere necesarias.

 

Unha xestión nefasta

Ben aproveitou a ocasión para censurar d novo a xestión de González Formoso á fronte da Deputación da Coruña, e lembrou que o actual presidente provincial é incapaz de executar o 60% da partida do orzamento que destina a gastos, ou que a de vías e obras non supera o 20%.

 

“Estamos ante unha xestión que roza a usura”, dixo o popular, quen apuntou que, ante estes números, o señor Formoso vese obrigado a “presumir” do que fan os alcaldes nos concellos para poder “tapar a súa incapacidade á fronte da

institución”.