O viceportavoz do Partido Popular na Deputación da Coruña, Evaristo Ben, xustificou hoxe a abstención do seu grupo ás contas provinciais presentadas no pleno desta mañá alegando que é o momento de facilitar a posta en marcha todas as medidas necesarias para impulsar a recuperación económica e social da provincia.
“A bandeira do Partido Popular é a de facer unha política útil, unha política que, por encima de calquera cousa, beneficie a todos os cidadáns en momentos tan complicados como os que estamos a vivir”, afirmou Ben, quen insistiu en que “agora non toca poñer paus nas rodas de ninguén e si velar pola saúde pública e activar políticas que axuden a paliar os efectos tan negativos que vai ocasionar esta pandemia”.
Nesta liña, o popular lembrou que a obrigación dos representantes públicos supón unha tripla necesidade de axudar aos máis vulnerables, propor estímulos para recuperar a actividade económica e, ao mesmo tempo, garantir a prestación de servizos públicos de maneira segura e eficiente aos veciños da provincia da Coruña.
“A recuperación só vai se é posible si estamos preto das persoas que están a ser máis golpeadas por esta crise sanitaria”, defendeu Ben, quen incidiu en que as administracións non poden permitir “camiñar cara á desigualdade social”.
Propostas populares
O popular aproveitou a súa intervención para explicar que a súa formación apostara pola abstención despois de que o Goberno provincial aceptase as propostas presentadas polos populares e que afectan o incremento das partidas sociais que permitirán, dixo Ben, formalizar convenios con entidades como Cáritas, Cruz Vermella, Bancos de Alimentos ou Cociña Económica.Da mesma maneira, desde o grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña valoraron positivamente o compromiso adquirido polo executivo provincial de aumentar o crédito para mellorar o plan de vías e obras da provincia, así como a decisión de destinar unha parte importante dos remanentes á partida de gasto social.
“Valoramos de forma positiva que se tivesen en conta as nosas propostas. Creemos que son medidas fundamentais que axudarán a dinamizar a economía da provincia, permitirán potenciar os servizos públicos e fortalecerán un sistema de protección social que atenda de maneira suficiente ás necesidades fundamentais de todas as persoas da nosa provincia”, concluíu Ben.
Calle Sánchez Bregua 5 y 6 · 4º
15004 A Coruña (A Coruña)
981 223 742
© Partido Popular Provincia de A Coruña 2020 - Deseño web: Chía na Rede