O PP homenaxeará a Ignacio Cabezón, Alfonso Balseiro e José Antonio Vigo Lago, tres referentes da política municipal

A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, aproveitará a última xunta directiva deste ano, que se celebrará este venres, para render homenaxe a tres referentes xa falecidos da política municipal como José Ignacio Cabezón (8-12-2021), Alfonso Balseiro (6-2-2021) e José Antonio Vigo Lago (12-6-2020), alcaldes no seu día dos concellos de Neda, Mañón e Valdoviño.

 

O acto, no que estarán presentes o presidente nacional do PP, Pablo Casado, e o líder autonómico, Alberto Núñez Feijoo, servirá para lembrar as figuras de tres alcaldes que, segundo Calvo, “representan os valores e os principios da formación popular e o firme compromiso cos seus municipios e co benestar dos seus habitantes”.

 

Como xa sucedese na celebración das homenaxes a outros representantes populares falecidos, a dirección do Partido Popular na provincia contará neste acto coa presenza dos familiares dos tres rexedores, aos que Calvo agradece a súa colaboración e destacou o seu empeño para “manter vivo o recordo das súas figuras o legado do seu traballo”.

 

Coa triste noticia do seu falecemento aínda recente, o líder provincial do PP recordará a José Ignacio Cabezón como unha persoa “firme nas súas ideas” e capaz de “convencer a quen fixese falta” para sacar adiante o que fose necesario para mellorar a vida dos veciños de Neda durante o seu mandato á fronte do municipio durante os anos 2007-2015.

 

Sobre o alcalde Mañón durante 34 anos, Alfonso Balseiro, a dirección popular quere poñer en valor o seu “exemplo de dedicación e mestre do servizo público” cos seus veciños e co seu municipio. “A marcha de Alfonso deixounos un pouco orfos a todos os integrantes da familia do Partido Popular, quedamos sen a súa experiencia, os seus consellos e a súa tranquilidade para afrontar o día a día da política”, lembrou Calvo.

 

De José Antonio Vigo Lago, alcalde de Valdoviño entre os anos 2011 e 2015, o presidente provincial subliñou a súa intensa labor á fronte do municipio nuns momentos “tremendamente complicados” pola herdanza deixada por outros gobernos: “José Antonio foi quen de transformar o concello sen deixar de lado a súa proximidade cuns veciños que gardan un grato recordo da persoa do exrexedor e a súa seriedade no traballo”.

 

“Este tres persoas representan os valores que non poden faltar nunca naqueles que nos dedicamos á política: compromiso coa vida pública, proximidade cos veciños, honradez, xenerosidade e moitas ganas de traballar”, concluíu Calvo para explicar os motivos da homenaxe que terá lugar este venres.