O PP insiste en que os beneficiarios das axudas do PEL seguen sen recibir o seu diñeiro e foron excluídas do plan novo

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña mostrouse hoxe moi crítico co executivo provincial, despois de que o equipo de goberno liderado por Valentín González Formoso “sacase peito” pola celeridade no pago das axudas destinadas aos negocios de hostalería que se inclúen no Plan Reactiva 2.

Os populares, que levan tempo solicitando unha maior axilidade e rapidez no proceso de tramitación de todas estas axudas debido a situación de emerxencia e necesidade económica que provocou a pandemia do Covid-19, cargaron contra o Goberno provincial ao que acusan de ter “completamente abandonados” aos negocios que resultaron beneficiados do primeiro plan posto en marcha pola Deputación da Coruña.

“Aplaudimos que o executivo provincial tomase nota das peticións que levamos tempo reclamando dende o noso grupo maioritario. Somos os primeiros que urximos a este goberno a que pague canto antes unhas axudas que son vitais para a supervivencia do tecido económico da provincia”, subliñou o viceportavoz popular Evaristo Ben.

A pesar deste feito, os populares non quixeron deixar pasar a oportunidade de insistir para que a Deputación da Coruña actúe coa mesma dilixencia na tramitación e o pago das axudas do primeiro plan “Non ten sentido que uns negocios cobrasen nuns días e que aqueles que levan meses esperando aínda non recibisen os seus pagos”, critico Ben, que cualificou de “esperpéntica e errática” a política posta en marcha polo executivo provincial.

Campaña propagandística
Neste sentido, o viceportavoz dos populares subliñou que os hostaleiros, autónomos e veciños da provincia están “cansados” das “campañas propagandísticas” que leva a cabo o señor González Formoso ao longo e ancho da provincia e que, segundo Ben, adoitan quedar sempre en “unha foto, moitas promesas, pero poucos actos”.

“É o presidente das boas palabras e das poucas accións”, dixo Ben en referencia ao mandatario do órgano provincial, ao que reclamou que incremente os fondos destinados a financiar o Plan Reactiva 2 para que aqueles negocios que optaron ao primeiro, poidan facelo tamén ao novo porque, na súa opinión, “a situación económica segue sendo igual de complicada que hai meses”.