Os representantes do Partido Popular na Costa da Morte levarán aos seus respectivos plenos locais unha moción para na que solicita ao Goberno de España que actúe fronte á aplicación de novas esixencias administrativas derivadas da normativa europea que entraron en vigor o 10 de xaneiro e que afectan o sector pesqueiro.
Os populares explicaron que a iniciativa pon o foco no impacto destas medidas sobre a operativa diaria da frota, especialmente no relativo a comunicacións previas e rexistros de capturas.
Entre os aspectos que máis preocupación están a xerar no sector pesqueiro galego destaca a implantación do sistema de seguimento electrónico (ERS – diario electrónico de bordo) para todos os buques de eslora igual ou superior a 12 metros. No caso dos buques de menos de 12 metros, a súa aplicación, din os populares, é progresiva, podendo o Estado membro atrasala ata 2028 se xustifica a inexistencia de dispositivos axeitados para embarcacións de pequena eslora.
Outro dos puntos que preocupa e o rexistro electrónico de capturas (caderno dixital de pesca) obrigatorio para os buques de máis de 12 metros, e condicionado nos de menos de 12 metros á dispoñibilidade de medios técnicos determinados polo Estado membro.
Os populares detivéronse tamén nos problemas que pode provocar a notificación previa de entrada en porto, incluído o aviso previo para o desembarque, cun prazo que pode oscilar entre unha e catro horas segundo o tipo de pesqueira e de porto. Esta obriga, apuntan, afecta a todos os buques de máis de 12 metros e, no caso dos de menos de 12 metros, cando leven capturas de especies con obriga de desembarque ou suxeitas a TACs.
Ademais, dende o PP critican a declaración de desembarque electrónica, obrigatoria para os buques de máis de 12 metros e, no caso dos de menos de 12 metros, cando descarguen especies suxeitas a cota ou cando así o determine o Estado membro.
A moción refírese tamén á trazabilidade dixital obrigatoria desde a primeira venda ata o destino final, que obriga tamén ás embarcacións de menos de 12 metros a facilitar información dixital das capturas, o que supón unha dificultade engadida para pequenos barcos sen conectividade suficiente.
Por outra banda, os populares fixeron fincapé no peso obrigatorio das capturas antes da primeira venda, con posibles excepcións para buques menores de 12 metros, segundo a especie e o destino de comercialización.
Por último, critican o reforzo do control da pesca recreativa, mediante rexistro e declaración electrónica para especies suxeitas a TACs ou con obriga de desembarque, especialmente atún vermello, peixe espada e túnidos tropicais, con impacto directo nas confrarías e nas comunidades costeiras galegas onde conviven a pesca profesional e a recreativa.
Flexibilizar as medidas
“No noso país unha parte moi significativa da frota opera no litoral, en zonas moi próximas á costa, con mareas de curta duración e desembarques frecuentes nos mesmos portos requiriría desta flexibilización das obrigas”, apuntan os populares.
Nesta línea, dende o PP consideran que resulta necesario reiterar esta demanda instando o Goberno de España a abandonar a súa posición de “pasividade e oídos xordos ante as demandas do sector”, e requirirlle, din, con total contundencia que faga uso efectivo das posibilidades que ofrece a normativa europea para aplicar un réxime de control máis flexible e adaptado á realidade operativa da frota litoral e artesanal, contribuíndo así a súa sustentabilidade económica e social e ao cumprimento equilibrado dos obxectivos da política pesqueira común.