O PP na Deputación sinala que a “soberbia” do alcalde de Ponteceso é a única causa da posible perda do POS

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, a través do seu viceportavoz, Evaristo Ben, mostrouse hoxe disposto a colaborar na procura dunha solución “legal” e coa “seguridade xurídica suficiente” para tratar de que o Concello de Ponteceso poida dispor da partida asignada no Plan de Obras e Servizos que pon en marcha a institución provincial.

Os populares, que sinalan á “actitude soberbia e irresponsable” mostrada polo alcalde da localidade, Lois García Carballido, como única causa de que o plan non contase co respaldo maioritario para a súa aprobación no pleno municipal, responsabilizan ao PSOE dunha situación que cualifican de “esperpéntica”.

“É o señor García Carballido o que, estando á fronte dun goberno minoritario, e en minoría tamén dentro dun grupo municipal dinamitado polas guerras internas, ten a desvergoña de presentar a súa proposta para o POS a última hora e sen acordar co resto de grupos”, subliñou Ben.

Ante esta situación, e despois de escoitar “atónitos” nos últimos días as declaracións do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nas que aseguraba que había tempo para atopar unha solución ao problema, os populares insisten en que “a nosa formación ten sempre a man tendida para buscar alternativas e estamos dispostos a falar do que faga falta, pero sempre cumprindo as bases que establece o POS. O que non imos ser é partícipes dunha solución que non sexa legal”, dixo Ben.

O presidente dos grandes anuncios e poucas solucións
Neste sentido, o viceportavoz do grupo provincial incidiu en que os populares están xa afeitos a que o señor González Formoso salga a dicir que ten solucións para todo, pero que logo non se concretan en nada. “É o presidente dos grandes anuncios. O presidente das boas palabras, dos bos xestos, pero tamén dos nulos acordos e moito menos dos feitos concretos”, dixo Ben.

Con todos estes precedentes, desde o grupo do Partido Popular na Deputación fixeron fincapé en que están á espera de que o Partido Socialista mova ficha para “solucionar un problema que crearon eles, pero que sofren os veciños de Ponteceso. O máis grave é precisamente que as guerras internas dunha formación poden deixar sen investimentos que son fundamentais para o municipio”, apuntou Ben

Por último, o popular lembrou que a función dos representantes políticos nas administracións é a de “crear máis e mellores oportunidades para os veciños”, unha circunstancia que, na súa opinión, nestes momentos non se cumpre no Concello de Ponteceso, onde o que sucede é que cada día se crean máis atrancos e se xestiona peor.