O PP oponse ao orzamento da Deputación por consideralo un “ficción” e unha “ilusión” que o Goberno Provincial non será capaz de executar

“Ben xustificou a postura da súa formación alegando a “escasa” execución orzamentaria que presenta a Deputación da Coruña -40%- o que supón que de “cada 100 euros de gasto, 60, máis da metade, acaban nos bancos porque o señor Formoso non é capaz de executalos”

• O portavoz popular asegurou que o seu partido non pode apoiar unhas contas das que non tivo coñecemento ata uns días antes do pleno

• “Hoxe é o momento de marcar distancias, é o momento de votar en contra dunha forma de xestión condicionada pola incapacidade e a incompetencia do señor Formoso, é o momento de dicir que non a un mal xestor, é o momento de opoñerse a unhas contas das que descoñecemos os seus gastos e que dan as costas aos pequenos concellos”, afirmou

• “Visite os concellos, as parroquias, os lugares, os núcleos de poboación, e fágao coa Lei de Bases na man, cos artigos que sinalan os servizos básicos e o papel principal que deben desenvolver as deputacións, reclamou Ben ao presidente provincial

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña votou en contra do orzamento para o ano 2024 que o Goberno Provincial levou ao pleno celebrado hoxe alegando que se trata dunhas contas “ficticias” e unha “ilusión” que o executivo liderado por Valentín González Formoso non será capaz de executar unha vez máis.

Na súa intervención, a voceira popular, Evaristo Ben, xustificou a postura da súa formación alegando a “escasa” execución orzamentaria que presenta a Deputación da Coruña -40%- o que supón que de “cada 100 euros de gasto, 60, máis da metade, acaban nos bancos porque o señor Formoso non é capaz de executalos”.

Lonxe de quedarse aquí, Ben continúo explicando os motivos polos que a súa formación non apoiou o orzamento, comentando que o seu partido non pode apoiar unhas contas das que non tivo coñecemento ata dous días antes do pleno. “Somos o grupo maioritario, pero non nos proporcionaron nin toda a documentación, nin puidemos negociar absolutamente nada”, denunciou.

Neste sentido, Ben cargou contra as formas demostradas por un grupo socialista ao que lle reprochou que o seu líder -González Formoso, alente a Pedro Sánchez a dialogar cun prófugo da xustiza, pero, con todo, o presidente provincial non é capaz de dialogar “nin cos compañeiros de corporación”.

“Hoxe é o momento de marcar distancias, é o momento de votar en contra dunha forma de xestión condicionada pola incapacidade e a incompetencia do señor Formoso, é o momento de dicir que non a un mal xestor, é o momento de opoñerse a unhas contas das que descoñecemos os seus gastos e que dan as costas aos pequenos concellos”, afirmou Ben.

Ben quixo matizar que pese ao voto en contra, o Partido Popular non se opón ao Plan de Obras e Servizos (POS), nin ás axudas aos concellos, pero si se opón a un orzamento que seguirá con problemas no plan de vías provinciais, no de sendas ou que non inclúe un plan para a mellora da subministración e o abastecemento dos concellos.

“Nós hoxe votamos en contra da autocompracencia do señor Formoso, da súa falta iniciativas e da súa maneira de entender o goberno dunha provincia”, afirmou o popular

Incremento en publicidade e nominativas
O voceiro dos populares aproveitou a súa intervención para referirse ao incremento de case un 50% no orzamento destinado a publicidade. “Gustaríanos saber os motivos reais que xustifican esta subida”, dixo Ben, quen apuntou que a súa formación ten unha pequena idea do obxectivo desta subida. “En ano de eleccións é normal que bote man da propaganda para tapar a súa falta de xestión e para impulsar intereses partidistas que pouco ou nada ten que ver cos intereses dos veciños dos concellos”, dixo Ben.

O popular avanzou tamén que o seu partido non apoiará neste mandato ningún tipo de subvención nominativa que se leve a pleno e que non veña perfectamente xustificada e que non estea dirixida exclusivamente para abordar algún caso excepcional.

 

Percorrer a provincia
Á marxe das críticas á contas provinciais, Ben urxiu a que González Formoso percorra a provincia, pero que o faga, dixo, cunha mirada distinta, modesta, máis atenta ás necesidades dos concellos. “Visite os concellos, as parroquias, os lugares, os núcleos de poboación, e fágao coa Lei de Bases na man, cos artigos que sinalan os servizos básicos e o papel principal que deben desenvolver as deputacións, reclamou.

En canto ás demandas, Ben esixiu ao señor Formoso que se centre na boa xestión dos recursos da Deputación, na necesidade de priorizar mellor o diñeiro e, sobre todo, en que o presidente provincial deixe de tomarse a institución como unha “leira rendista que visita de cando en vez. Faga o que ten que facer, fágao ben, e deixe de facer o que non debe facer”.