O PP pide que as axudas provinciais á hostalería sexan extensibles a todos os concellos afectados polos peches perimetrais

O grupo do Partido Popular na Diputacion da Coruña reclamou esta mañá que o plan que a institución provincial destinará a axudar ao sector da hostalería das tres grandes cidades –A Coruña, Santiago, Ferrol-, dotado con máis de tres millóns de euros, se faga extensible a todos os municipios que se verán afectados polo novo peche perimetral e que obrigará a baixar a persiana de maneira temporal aos establecementos hostaleiros.

Os populares, que aplauden a medida anunciada esta semana polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, consideran “insuficiente” que estea pensado únicamente para os negocios das tres urbes da provincia, deixando de lado a Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Ares, Neda, Narón, Mugardos, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra, Vedra ou Vimianzo.

“Entendemos que se trata dunha boa medida, pero consideramos inxusto que o resto de concellos afectados polo peche queden excluídos deste plan. Á fin e ao cabo, as persoas que teñen negocio relacionada coa hostalería noutros concellos tamén verán minguada a súa actividade económica durante o próximo mes”, apuntan os populares.

Neste sentido, desde o Partido Popular lembran o papel “fundamental” que debe xogar a Deputación da Coruña no apoio e a promoción de toda actividade económica que se leve a cabo os concellos de menos de 50.000 habitantes.

“Nesta nova situación na que nos atopamos, é o momento de estar á beira dos municipios que poden ter máis problemas á hora de poñer en marcha plans para axudar aos seus sectores económicos”, indicaron os populares, quen consideran que está é unha “gran oportunidade” para demostrar que estes concellos “non están sós para facer fronte ás consecuencias que xerou a pandemia do Covid-19”.

Seguir os pasos da Xunta de Galicia
Os populares demandan que a Deputación da Coruña siga o exemplo da Xunta de Galicia, que vén de anunciar un plan de axudas ás que poden optar os establecementos da hostalería e que ofrece axudas de entre 2.200 e 7.000 euros, tendo en conta as características dos negocios, o número de empregados ou o tempo que permanezan pechados.