O PP presenta 47 emendas aos PGE por máis de 304 millóns despois de recoller as necesidades dos concellos da provincia

O Partido Popular da provincial da Coruña presentou un total de 47 enmendas aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) por máis de 304 millóns. Tras recibir as peticións de alcaldes e portavoces de moitos dos 93 municipios herculinos, as deputadas populares, Marta González, Tristana Moraleja e Valentina Martínez, presentaron un documento no que se recollen todas as necesidades que non foron incluídas no documento presentado polo Goberno Central.

As populares explicaron que o 77,1% do total demandado corresponde, como é habitual, ao Ministerio de Transportes, con case 235 millóns de euros, seguido do de Industria (22 millóns) e do de Defensa (17 millóns). Destacan tamén a aposta por Ferrol e a súa comarca, presentando 15 emendas por un importe de máis de 58 millóns de euros, con fin de que o Goberno Central cumpla o ‘Pacto de Estado’ por Ferrol.

Dende o PP reclámanse tamén 10 millóns de euros para que o Ministerio de Cultura se faga cargo do financiamento das actividades de promoción do Camiño de Santiago, despois de que, indicaron as deputadas, o Goberno Central non achegase nin un só euro nos anteriores Orzamentos para impulsar o Ano Santo 2021-2022.

En materia de interior, o documento elaborado polo Partido Popular recolle a necesidade de incluír partidas correspondentes á creación ou ampliación das Unidades de Prevención e Reacción da Policía Nacional en Santiago e Ferrol, un plan especial para urbe compostelá como capital de Galicia e receptora de miles de peregrinos e turistas.

Neste capítulo, as emendas populares reclaman tamén unha partida para dotar de efectivos a nova comisaría da Policía Nacional de Ribeira, a rehabilitación da casa cuartel da Garda Civil en Ferrol e unha nova comisaría da Policía Nacional en Ames.

Por outra banda, as deputadas do PP solicitan respaldo económico para o proxecto da Cidade das TIC’s na Coruña (5 millóns de euros) e, en materia de Transición Ecolóxica, demandan partidas para a ría de Ferrol e a de Betanzos, por un importe de 6 millóns de euros.