O PP presenta na provincia da Coruña unha lista encabezada por Diego Calvo e que renova os seus integrantes en case un 60%

Diego Calvo encabezará a lista coa que Partido Popular da provincia da Coruña concorrerá ás eleccións autonómicas que se celebrarán o próximo 18 de febreiro. Vicepresidente da Xunta de Galicia e líder dos populares na provincia, Calvo será o número un dunha candidatura que renova os seus integrantes nun 59% respecto á anterior cita coas urnas galegas.

En concreto, os populares presentan 17 caras novas nunha lista composta por 29 persoas -25 titulares e 4 suplentes-, das que 15 son homes e 14 son mulleres, que representan todos os ámbitos e sectores da sociedade galega.

Ademais de Diego Calvo como número un e da secretaria xeral de PPdeG, Paula Prado como número dous, a lista dos populares na provincia da Coruña está composta tamén por rostros coñecidos do goberno autonómico de Alfonso Rueda como Ánxeles Vázquez, Ethel Vázquez, Fabiola García, Miguel Corgos, María Jesús Lorenzana, Martina Aneiros e Borja Verea.

Despois de contrubuir con 14 actas ao último goberno do PPdeG no ano 2020, os populares afrontan a cita do próximo 18 de febreiro convencidos de repetir unha cifra histórica coa que contribuir a que Alfonso Rueda alcance a súa primeira maioría absoluta como presidente da Xunta de Galicia.

Boa canteira
“Un auténtico equipazo”. Así definiu Diego Calvo unha lista que, ao seu xuízo, mestura a experiencia de persoas que estiveron no Goberno Autonómico nos últimos anos con outras que chegan con ganas de sumar diferentes puntos de vista e que representan á maioría dos galegos.

O presidente popular aproveitou tamén para destacar a “gran canteira” que existe dentro da militancia do Partido Popular na provincia da a Coruña, o que, na súa opinión, permitiu poder confeccionar unha lista que aglutina as diferentes singularidades que teñen os 93 concellos.

“Contamos na nosa lista con xente das tres grandes cidades, pero tamén de concellos tan dispares como As Pontes, Ribeira, Padrón, Cee, Carballo ou Betanzos, que permiten ter unha visión ampla de todo o que sucede na provincia”, dixo Calvo.

Conscientes da importancia da cita do próximo 18 de febreiro, e sabedores do traballo que os populares teñen por diante durante as próximas semanas, Calvo reclamou aos seus “un esforzo extra” para convencer aos galegos de que, só votando ao PP, Galicia poderá seguir sendo a “illa de estabilidade que é hoxe en día”.

“Os galegos merecen vivir afastados da división, dos problemas e do esperpento no que se ten convertido España nas últimas semanas”, afirmou Calvo, quen incidiu en que, agora máis que nunca, Galicia gañouse ter un goberno “serio, estable e que goberne para todos” como o que representa Alfonso Rueda.