O PP provincial arrinca o 2022 coa posta en marcha dun programa de formación dirixido ás súas bases

O Partido Popular da provincia da Coruña iniciou esta tarde o seu programa de formación co que os populares pretenden ofrecer ás súas bases –dirixentes, militantes e simpatizantes- a posibilidade de profundar en diferentes temas que teñen que ver de maneira directa coa actualidade e coa actividade política desde distintos ámbitos e puntos de vista.

Desta maneira, unha vez ao mes, de forma presencial e telemática, diferentes expertos en asuntos como a comunicación, a xestión de proxectos, o manexo das redes sociais e o posicionamento de mensaxes en medios de comunicación dirixiranse aos militantes do partido co obxectivo de facilitar ferramentas e coñecementos que lles fagan máis sinxelo o seu día a día.

“O obxectivo é mostrar e facilitar técnicas e habilidades directivas que contribúan a un mellor desempeño nas responsabilidades de cada persoa no seu ámbito de actuación dentro do partido”, apuntou Gonzalo Mora, responsable do programa de formación, quen engadiu que nas charlas “haberá tempo tamén para afrontar asuntos de actualidade que vaian xurdindo”.

A posta en marcha deste programa enmárcase no compromiso adquirido polo presidente provincial, Diego Calvo, na súa primeira etapa á fronte dos populares da provincia e que continuou no seu segundo mandato, e que non é outro que o de, por unha banda, estar en contacto continuo coas bases do partido e, polo outro, de que estas bases conten sempre cos mellores recursos para poder desenvolver as súas funcións.

Charla sobre agricultura y gandería
Na primeira charla celebrada esta tarde, a portavoz de Agricultura do grupo parlamentario do Partido Popular no Congreso e secretaria nacional de Agricultura e Despoboamento dos populares, Milagros Marcos Ortega, aproveitou o encontro para abordar a situación actual do sector agrícola e gandeiro, facendo fincapé na recente polémica xerada polo ministro, Alberto Garzón, ao redor das explotacións gandeiras.