O PP reclama a creación dun Fondo de Cooperación Covid-19 para o rescate do sector hostaleiro da provincia da Coruña

O grupo do Partido Popular na Deputación de A Coruña levará ao pleno que se celebrará este venres unha moción na que reclama ao goberno provincial o seu compromiso, xunto co resto de administracións públicas de Galicia, para a creación dun Fondo de Cooperación Galego Covid-19, co obxectivo de rescatar ao sector hostaleiro de toda a comunidade autónoma e, en concreto, ao da provincia da Coruña.

 

Dende o grupo popular subliñan que a hostalería é un dos sectores nos que maior impacto teñen as restricións sanitarias implantadas para a contención da pandemia da COVID-19, e recordan que é un sector que abrangue a preto de 20.700 establecementos en Galicia, a maior parte pequenas e medianas empresas que son fonte de subsistencia de moitas familias galegas.

 

“A situación na que estamos require dunha resposta institucional contundente e integral por parte das distintas administracións públicas (Goberno central, Xunta de Galicia, deputacións e concellos) que contribúa a apoiar a supervivencia dos establecementos”, apuntou o viceportavoz popular, Evaristo Ben, quen incidiu en que neste marco, a Xunta de Galicia leva meses mantendo un diálogo constante con representantes dos hostaleiros e hostaleiras na procura dun acordo para paliar, na medida do posible, os problemas xerados polos peches.

 

No seo desas xuntanzas, apuntan os populares, o goberno autonómico e o sector da hostalería acordaron medidas como un Plan específico de axudas para o ocio nocturno, por ser o sector que se mantivo totalmente pechado por máis tempo, e, máis recentemente, un Plan de Rescate a persoas traballadoras autónomas, microempresas e establecementos hostaleiros pechados por mor da pandemia, así como liñas de axuda as que pode acceder á hostalería con unha liña exclusiva para este sector, préstamos directos para autónomos e pequenas empresas con máis problemas de liquidez, e axudas para a adaptación das terrazas da hostalería e a adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, todo elo dotado por riba dos 116 millóns de euros. Ademais, avanzouse que as axudas continuarán mentres se prorrogue a situación.

 

“Por desgracia, o momento actual que estamos a vivir demanda levar a cabo máis medidas. Considerando que as achegas nos vindeiros meses deberán continuarse dada a evolución da situación sanitaria, temos a convicción de que é necesario a creación do Fondo de Cooperación Covid-19, seguindo o modelo que xa se implantou na comunidade autónoma de Valencia”, afirmou Ben, quen explicou que Xunta de Galicia achegaría o 50% da contía económica, a Deputación da Coruña o 30% e os concellos o 20% restante.

 

Outras demandas

No texto presentado, os populares aproveitaron tamén para reclamar que a Deputación se comprometa a estudar e, no seu caso, aplicar, as demandas que o sector ten feito ás administracións locais no ámbito das súas competencias e que algunhas teñen desbotado publicamente implementar.

 

Estas medidas pasan pola redución ou exención das taxas municipais á instalación de terrazas, á recollida de lixo e á auga, a aplicación dos tipos mínimos legais no imposto sobre bens inmobles (IBI); pola bonificación do imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO) en relación as licencias de obra que se soliciten -co fin de adaptar os locais as medidas de seguridade impostas pola situación sanitaria-, e a bonificación do imposto sobre vehículos necesarios para a actividade (IVTM) no caso do comercio e a hostalería.

 

Por último, a moción pide tamén que a Deputación de A Coruña solicite ao Goberno do Estado que aplique unha redución do IVE turístico ao 4%, que prolongue os ERTES de xeito consensuado cos axentes sociais mentres duren os efectos da pandemia e que inclúa axudas directas ao sector da hostalería no Plan de Rescate aprobado polo Consello de Ministros.