O PP reclama a renovación do convenio para o financiamento e mellora dos 8 GES da provincia no período 2022-2024

O grupo provincial do Partido Popular levará ao próximo pleno da Deputación da Coruña unha moción na que esta formación reclama que a institución provincial destine os fondos necesarios para a renovación do convenio para o financiamento do labor desenvolvido polos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) de Ponteceso, Padrón, Curtis, Brión, Ortigueira, Mugardos, Muros e Noia durante o período 2022-2024.

 

O texto presentado polos populares recolle tamén a demanda para que a Deputación da Coruña achegue os medios económicos suficientes para que estes grupos poidan contar coas melloras propostas pola Xunta de Galicia.

 

Neste sentido, dende o PP recordan que a Xunta de Galicia  continúa reafirmando o seu  compromiso para seguir colaborando no mantemento dos GES postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e concellos. Así, pese a que os servizos de emerxencias son competencia das deputacións e dos concellos de mais de 20.000 habitantes, o Goberno Autonómico amosou sempre a súa disposición a colaborar, asumindo mais da metade do financiamento dos GES, o que supón, din os populares, un investimento de máis de 11 millóns de euros no período 2019-2021 e preto de 40 dende o ano 2013.

 

Deste xeito, na pasada Comisión de Seguimento dos GES, celebrada o 20 de outubro, a Xunta propuxo ás deputacións provinciais e á FEGAMP unha serie de medidas para continuar mellorando a cobertura do mapa das emerxencias en todo o territorio galego e seguir garantindo unha atención no menor tempo posible de cara a renovación do actual convenio para o período 2022-2024.

 

Actualizar salarios

A proposta do goberno galego, din desde o PP, consiste en actualizar os salarios de todos os traballadores dos GES,. Outra das medidas postas sobre a mesa consiste en incrementar o persoal para que todos os GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6,9 ou 10 membros.

 

Por outra parte, a Comisión tamén incidiu na necesidade de duplicar a financiación dos 4 servizos municipais de emerxencias en Galicia que prestan un servizo supramunicipal -Ponteareas e Sanxenxo na provincia de Pontevedra xunto co de Terras de Celanova, en Ourense e o concello coruñés de Noia, pasando de 155.000 euros a 310.000 euros anuais para cada un.

 

Estas medidas, explican os populares, suporán un incremento de 1,5 millóns de euros no investimento anual do goberno galego no mantemento destes grupos, dos que financia máis da metade do seu custo. Así, a Xunta aportará 6,3 millóns de euros anuais, un 31% máis que os 4,8 millóns do último convenio, no que xa aumentara en 300.000 euros o seu investimento.

 

Negativa da Deputación de A Coruña

O problema, explican os populares é a negativa mostrada por parte da Deputación de A Coruña para asinar o novo convenio que permitiría blindar as melloras presentadas por parte da Xunta de Galicia.  “Estamos pois ante un contexto moi grave de indefensión para os municipios da nosa provincia, ao atoparnos nunha situación moi comprometida para unha adecuada cobertura das emerxencias se a Deputación de A Coruña non cumpre coas súas competencias”, conclúen dende o PP.