O PP reclama no pleno da Deputación da Coruña a construción dunha senda peonil na DP-0206

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña reclamou no pleno celebrado o pasado venres a construción dunha senda peonil con aceras na estrada DP-0206 ao seu paso polos núcleo de Calo (Teo) e Agrela (Ames).

 

Nunha das súas intervencións, o voceiro dos populares, Evaristo Ben, explicou que por esta estrada transitan máis de 170.000 persoas ao ano, a maioría delas facendo o Camiño de Santiago, e que, por tanto, trátase dunha actuación de “moi importante” en materia de seguridade viaria.

 

“Estamos a falar dunha zona que pertence aos dous concellos, un lado a Teo e o outro a Ames que xa aprobaron nos seus respectivos plenos municipais a petición para que a Deputación da Coruña constrúa esta senda”, afirmou Ben.

 

Ben aproveitou tamén para lembrar que, nunha das súas últimas visitas ao Concello de Ames, o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, anunciou que esta senda estaba incluída no plan de sendas da Deputación da Coruña.

 

“No plan de sendas non figura nada, pero quero crer que están incluídas todas as sendas da provincia, e espero que inclúan esta porque é importante en materia de seguridade viaria para os peregrinos, pero tamén para os veciños” , concluíu o portavoz popular.