O PP rende homenaxe á traxectoria e ao legado de alcaldes e alcaldesas que “foron e son exemplo do compromiso coa política municipal”

A Xunta Directiva do Partido Popular da provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, celebrou hoxe un acto de recoñecemento e homenaxe aos alcaldes e alcaldesas do partido –dous deles a título póstumo- que, tras unha dilatada traxectoria á fronte dos seus concellos, xa se atopan retirados da vida política activa.

Nun encontro cargado de emoción e agradecemento, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral do PP, Miguel Tellado, pola súa homóloga no PPdeG, Paula Prado, e por secretario xeral na provincia da Coruña, Evaristo Ben, puxo en valor a achega decisiva ao municipalismo e ao fortalecemento do proxecto do Partido Popular na provincia que tiveron todas as persoas homenaxeadas.

“Grazas. Grazas de corazón a todos eles polos anos de traballo, esforzo e dedicación ao servizo público. O seu compromiso co partido e cos seus veciños foi exemplar, exercendo sempre unha política próxima, responsable e centrada en mellorar a calidade de vida dos seus municipios”, apuntou Diego Calvo.

Desde Teresa Villaverde e José Luis Pérez Añón, os últimos en marchar, ata os xa falecidos José Blanco Pazos ou Jesús Alonso Fernández, todos eles representaron, segundo Calvo, os valores fundamentais do Partido Popular. “Son exemplo de vocación de servizo, honestidade, proximidade e da defensa do interese xeral. O seu labor diario, moito veces silencioso, contribuíu de maneira decisiva ao progreso social, económico e humano dos seus concellos, deixando unha pegada indeleble en cada localidade”, afirmou o presidente popular.

O líder dos populares destacou tamén a súa lealdade ao proxecto político do Partido Popular, así como a súa capacidade para antepoñer sempre as necesidades dos seus veciños a calquera interese persoal. “A súa experiencia e exemplo continúan sendo unha referencia imprescindible para quen hoxe asumen responsabilidades públicas e para as novas xeracións de cargos e afiliados”, indicou.

Con esta homenaxe, a directiva popular non só pretende recoñecer unha traxectoria política, senón tamén agradecer unha forma de entender a política desde o compromiso, a proximidade e a responsabilidade, valores que seguen plenamente vixentes e que forman parte da identidade do Partido Popular na provincia da Coruña.

Paula Prado pon a mirada no 2027
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, animou a todos, e especialmente aos alcaldes e portavoces, a continuar traballando como ata o de agora e coa mirada xa posta nas eleccións municipais de 2027, pero tamén nas xerais e nas futuras autonómicas, co fin de conseguir “uns resultados históricos”.

“Temos que reivindicar a unidade que caracteriza ao noso partido e que o diferenza cada vez máis dun PSOE desfeito e abandeirado da corrupción falso feminismo, e dun BNG cuxo nerviosismo é cada vez máis evidente, ante as tensións internas entre os que queren alboroto constante e os que se queren facer pasar por moderados”, sinalou.

Alcaldes e alcaldesas
María Teresa Villaverde (alcaldesa de Lousame; 2012-2025)
José Luis Pérez Añón (alcalde de Laxe; 2019-2024)
Ignacio Codesido Barreiro (alcalde de Touro; 2003-2019)
Ana Rodríguez Montero (alcaldesa de Cerdido; 2006-2015)
José Manuel Santos Maneiro (alcalde de Mazaricos; 1995-2015)
Juan Juncal (alcalde de Ferrol; 2003-2007)
Isaac Maceiras Rivas (alcalde de A Pobra; 1999-2015)
Juan José Rey Maceira (alcalde de Negreira; 2013-2015)
Antonio Pérez Insúa (alcalde de Noia; 2003-2007)
Eugenio Neira García (alcalde de Oroso; 1995-2007)
José Blanco Pazos (alcalde de Negreira; 1995-2007)
Jesús Alonso Fernández (alcalde de Boiro; 1995-2003)