A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, reuniu onte e a alcaldes, voceiros, concelleiros e colaborades de toda a comarca de Santiago de Compostela, nunha cita coa que os populares pretenden “seguir ao pé” e coñecer de cerca os problemas e as necesidades de todos os veciños da zona.
Acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, polo seu homónimo da provincial, Evaristo Ben, e polo vicesecretario de Organización e Territorio, Gonzalo Trenor, Calvo incidiu na importancia de levar a cabo este tipo de reunións. “Para nós é fundamental poder escoitar a todo o mundo, e non so aos alcaldes e aos portavoces. É a única maneira de estar ao tanto do que sucede nos vosos concellos e é a mellor forma de poder acertar coas decisións que teñamos que tomar”, apuntou o presidente provincial.
Nesta liña, e lembrando que a súa formación é a única que conta con concelleiros en todos e cada uns dos concellos da provincia, o líder dos populares insistiu na necesidade de “seguir ensanchando o partido” para contar cos mellores equipos para afrontar a cita das municipais do ano 2025. “É certo que vaias onde vaias nesta provincia poderás atopar un representante do PP, pero temos que seguir crecendo e debemos seguir preparándonos para os retos que temos por diante”, dixo.
Galicia segue funcionando
Pola súa banda, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, agradeceu a todos os representantes da comarca o seu compromiso e o seu labor diario, grazas ao que se logrou unha “gran vitoria” nas pasadas eleccións autonómicas. “Conseguimos que o PP fora a forza máis votada en todos os concellos desta zona. Iso só o pode lograr a nosa formación e nesa liña de ser maioría temos que seguir traballando”, subliñou.
“Estou convencida de que o PPdeG pode seguir contando con todos vós para seguir defendendo os intereses dos galegos, seguir construíndo maiorías e seguir sendo unha alternativa seria e útil para os veciños. Non hai Partido Popular en Galicia se non existe toda a estrutura da nosa formación nesta comarca”, engadiu.
Así mesmo, sinalou que “Galicia segue funcionando” e a Comunidade segue o camiño para aprobar un ano máis, e xa van 16 de forma consecutiva, os Orzamentos autonómicos en tempo e forma, que “van repercutir moi positivamente en todos os veciños e veciñas desta zona”.
Por último, centrándose na capital galega, lembrou que Borja Verea “gañou as eleccións” e debería ser o alcalde de Santiago de Compostela, mentres o “independentismo minoritario” do BNG segue gobernando con 6 concelleiros de 25. “A xente na rúa dime que hai que cambiar isto e eu confío que nas próximas eleccións se confirme a única alternativa real que existe: un goberno do PP liderado por Borja Verea”, concluíu.