A dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, reuniu onte en Camariñas a alcaldes, voceiros, concelleiros e colaborades de toda a comarca da Costa da Morte, nunha cita coa que os populares pretenden “seguir ao pé” e coñecer de cerca os problemas e as necesidades dos veciños da zona.
Acompañado polo secretario xeral, Evaristo Ben, polo vicesecretario de Organización e Territorio, Gonzalo Trenor, Calvo incidiu na importancia de levar a cabo este tipo de reunións. “Para nós é fundamental poder escoitar a todo o mundo, e non so aos alcaldes e aos portavoces. É a única maneira de estar ao tanto do que sucede nos vosos concellos e é a mellor forma de poder acertar coas decisións que teñamos que tomar”, apuntou o presidente provincial.
Nesta liña, e lembrando que a súa formación é a única que conta con concelleiros en todos e cada uns dos concellos da provincia, o líder dos populares insistiu na necesidade de “seguir ensanchando o partido” para contar cos mellores equipos para afrontar a cita das municipais do ano 2025. “É certo que vaias onde vaias nesta provincia poderás atopar un representante do PP, pero temos que seguir crecendo e debemos seguir preparándonos para os retos que temos por diante”, dixo.
Situación política actual
Calvo aproveitou a súa intervención para referirse e comparar á situación política actual que vive a comunidade autónoma de Galicia e a que estase a dar no resto do territorio español. Da primeira, o líder dos populares destacou que o Goberno que encabeza Alfonso Rueda aprobará nas próximas semanas os orzamentos para o ano 2025. “Iso de que Galicia é unha illa de estabilidade demóstrase con feitos. Feitos que falan por si sos e que permite que os galegos poidamos estar máis tranquilos porque temos un goberno que fai os seus deberes e que planifica con tempo”, subliñou.
Por contra, lamentou Calvo, o Goberno Central segue inmerso en asuntos xudiciais, en posibles casos de corrupción e sen aprobar as contas do ano que vén. “Por moito que tenten vender outra situación, por moito que utilicen a propaganda e os medios para camuflar a realidade, a xente é consciente da gravidade da situación que vivimos”, apuntou o popular, quen insistiu que, a pesar de iso, non prevé que se celebren eleccións xerais nos próximos meses. “Cando tocará ir ás urnas só o sabe Sánchez, pero xa vos adianto que será única e exclusivamente cando lle interese”, puntualizou.
Todos con Valencia
Como non podía ser doutra maneira, o líder dos populares na provincia tivo palabras tamén para a traxedia provocada pola DANA que azoutou a comunidade valenciana e outros puntos do territorio español. “Todos estamos moi pendentes do que sucede e, sobre todo, todos, desde o Goberno da Xunta, puxémonos ao dispor para axudar cos medios materiais e humanos que se necesiten”, explicou Calvo.
Sobre isto, o popular, responsable do servizo de Emerxencias de Galicia, subliñou a “complexidade” que ten a coordinación deste tipo de situación, e apuntou que agora o máis importante é “reconstruír a zona e axudar á xente que se quedou practicamente sen nada. Xa teremos tempo despois para saber que foi o que fallou”.