O PP tacha de “electoralista” que o goberno da Deputación publicite o PEL para autónomos do 2023 sen ter abonado o do ano anterior

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña cargou hoxe a través da súa voceira e secretario xeral na provincia, Evaristo Ben, contra o presidente da institución, Valentín González Formoso, ao que acusou de “anunciar moitas cousas e de cumprir con poucas ou case ningunha”.

A acusación do Partido Popular chega despois de que esta formación tivese constancia nos últimos días de que desde a Deputación da Coruña xa se está publicitando o Plan de Emprego Local (PEL) do ano 2023. “Parécenos unha nova tomadura de pelo por parte do goberno provincial. Non teñen ningún reparo, nin se poñen colorados ao anunciar a bombo e plantillo un plan para este ano cando aínda estamos a esperar a que abonen o plan do ano pasado que está publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) desde setembro do ano pasado”, dixo Ben.

Neste sentido, o voceiro popular, que tachou de “electoralista” a media impulsada polo goberno socialista, reclamou un “pouco de respecto” e de seriedade” por parte do executivo provincial. “Non podemos permitir o uso partidista que se fai da institución provincial e, moito menos, podémolo tolerar cando o único que fixo o señor González Formoso é vivir de anuncios durante os últimos anos”, apuntou Ben.

Nesta liña, o popular volveu incidir na necesidade de que o executivo da Deputación “xestione máis e anuncie menos”, tendo en conta que, tal e como lembrou Ben, as arcas provinciais seguen tendo no banco máis de 313 millóns de euros que deberían estar a repercutir en que os veciños da provincia teñan máis e mellores servizos.

Por último, desde o grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña lembraron que non é a primeira vez que se ven obrigados a denunciar os anuncios que o señor González Formoso leva a cabo ao longo e ancho dos 93 concellos sen que, dixo Ben, despois eses anuncios tradúzanse en actuacións. “Imos terminar a lexislatura das fotos”, indicou o popular, en referencia á “mala costume, que o presidente provincial ten de comprometer proxectos que logo se atrasan ou quedan sen en limbo.