O PP tacha de “intolerable” que Formoso utilice a Deputación ao servizo da súa loita pola secretaria xeral do PSdeG

 O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, a través do seu viceportavoz, Evaristo Ben, cargou duramente contra o presidente de ente provincial, Valentín González Formoso, ao que acusou de poñer a institución ao servizo da súa loita por alcanzar a secretaría xeral do PSdeG.

 

Os populares realizaron estas acusacións despois de que a Xunta de Galicia decidise onte, tras comprobar que era inviable un consenso entre a Agrupación industrial do Turismo, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e as deputacións provinciais de Galicia, iniciar a repartición en solitario dos 75 millóns de euros destinados a autónomos, microempresas e hosteleiros afectados polos efectos das restricións adptadas para conter a expansión da pandemia.

 

Ben explicou que, durante o pleno  de onte, o seu grupo provincial decidiu retirar a moción presentada para a creación dun Fondo de Cooperación para o Covid-19. “Fixémolo nun xesto de boa vontade, na procura dun acordo e co obxectivo de atopar unha ferramenta eficaz para axudar aos cidadáns que o están pasando mal nesta pandemia”, explicou o popular, quen lamentou que os gobernos das deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo utilicen esta situación para “confrontar en lugar de unir”.

 

Actitud partidista

“O noso grupo decatouse dos plans que este goberno alcanzou co resto de deputacións o xoves pola noite a través dunha nota de prensa”, criticou Ben, quen non dubidou en cualificar o feito como “a actitude máis partidista que vin nesta casa durante moitos anos”.

 

Neste sentido, o popular, deixou moi claro que a súa formación non vai tolerar que González Formoso utilice a institucion provincial en beneficio propio. “Os hosteleiros, empresarios e autónomos da provincia da Coruña non lle deben absolutamente nada a Abel Caballero, alcalde de Vigo. Se o señor Formoso necesítao na súa carreira cara á secretaría xeral do PSdeG é o seu problema, pero nós non permitiremos que pague favores á conta dos veciños dos nosos concellos”, dixo Ben.

 

Durante a súa intervención no pleno provincial, o viceportavoz dos populares recalcou que a Xunta é a administración máis apropiada para coordinar a xestión destes fondos, tendo en conta que as únicas axudas que recibiron ata a data os hosteleiros son as que repartiu o goberno autonómico mediante o seu primeiro plan.

 

Ningún euro do PEL

“Os hostaleiros das Pontes e de Pontedeume non recibiron ningún euro do Plan de Emprego Local (PEL) posto en marcha pola Deputación da Coruña, pero si ingresaron as axudas do primeiro plan de rescate no que a Xunta destinou 15 millóns para toda a provincia”, subliñou Ben, quen afirmou que este é un “claro exemplo” de que debe ser o executivo autonómico quen xestione estes fondos. “É máis que probable que se reciban antes os cartos do segundo plan da Xunta que os fondos do PEL”, dixo.

 

Con todo isto, os populares entenden que a postura adoptada polo goberno provincial de non participar na repartición de fondos coa Xunta de Galicia débese única e exclusivamente a que González Formoso “debe render pleitesía” ás posturas que Abel Caballero marca dende a Deputación de Pontevedra.

 

Por último, Ben advertiu de que a súa formación estará “moi vixiante” respecto ao cumprimento do acordo alcanzado polas tres deputacións para repartir o 1% do seu orzamento entre os hosteleiros, empresas e microempresas afectadas polo Covid-19. “Estaremos moi pendentes de que se cumpra, pero tamén avisamos de que os concellos non poidan asumir máis competencias e que debe ser a Deputación a que cargue con todos estes trámites”, concluíu o viceportavoz.