O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña votou hoxe en contra do orzamento provincial para o ano 2025, despois de que o seu voceiro, Evaristo Ben, tachase o documento económico de “un máis, sen máis…sen maior novidade, sen maiores correccións e sen mellores criterios” na traxectoria dun Goberno ao que volveu afear a súa incapacidade para executar os máis de 240 millóns presentados para este exercicio.
“Lamentamos unha vez máis a súa falta de consideración co grupo maioritario desta institución ao que non tiveron en conta á hora de informar sobre o orzamento e, moito menos, tivérono en conta para facer algún tipo de aportacición a un documento de tanta importancia como é o orzamento”, criticou Ben.
Lonxe de quedarse aquí, o popular aproveitou o inicio da súa intervención para cargar contra González Formoso ao que tachou de “presidente ausente” por non dar a cara no último pleno extraordinario, unha actitude que, segundo Ben, “tense repetindo durante todo o seu mandato en diferentes momentos e en diferentes asuntos”.
Xa respecto ao orzamento, o voceiro popular lembrou que gobernar “é priorizar, é asignar con criterios de preferencia racional e ética recursos limitados a expectativas amplísimas”, e sinalou que o seu grupo ten “serias dúbidas” de que o actual Goberno provincial estea a facelo.
“Espallar o diñeiro non é priorizar o gasto”, apuntou Ben, quen insistiu en que o executivo provincial non parece que fixese nada para mellorar os niveis de execución, nin do que, coas transferencias provinciais, deben executar os concellos, nin do que debe executar a propia Deputación.
“315 millóns en bancos…unha execución global que non superará en moito o 40% no orzamento de gastos; execucións aínda menores en determinados capítulos e partidas. O vostede trae hoxe aquí no é máis que papel mollado, un papel que a realidade, ano tras ano, desmonta”, indicou Ben.
O popular detívose tamén na eficiencia, do aproveitamento do diñeiro público e da relación entre os medios e os resultados. “Poderían traballar vostedes na posibilidade de que a Deputación se ofreza para coordinar ou prestar servizos públicos. Sería unha maneira de sacar máis rendemento a estes 240 millóns de euros e, por tanto, de mellorar a eficiencia”, recomendou.
Nada por mellorar
Ben reiterou os motivos do seu voto en contra aludindo que as consignacións ou o destino do gasto expón nalgúns casos dubidas ou obxeccións, pero aínda con esas dúbidas ou obxeccións os populares poderían exporse conceder unha abstención escéptica ou crítica.
“Agora ben, como estes non son os seus primeiros orzamentos, como reinciden nunha cuestionable consignación, e, sobre todo, como xa sabemos que nada van facer para mellorar a execución ou a eficiencia do gasto, o noso voto será negativo”, insistiu Ben.
Xa por último, o popular lembrou que un orzamento ten unha dimensión planificadora, pero un orzamento ten tamén unha dimensión autorizatoria. “Non podemos autorizar a xestión de 240 millóns de euros -e do que posteriormente se incorpore- a quen non sabe utilizalo ou gástao mal, a quen reincide en non facer exame de conciencia nin propósito de emenda orzamentario”, concluiu.