O PP trasladará ao Goberno central o malestar dos alcaldes da comarca pola supresión da glorieta de Ordes dos PXE

A deputada nacional do Partido Popular pola provincia da Coruña, Marta González, comprometeuse esta mañá a trasladar ao Goberno central o malestar que existe entre os alcaldes de Ordes, Trazo, Tordoia e Frades tras comprobar que o executivo de Pedro Sánchez suprimiu dos Orzamentos Xerais do Estado (PXE) a partida de 1,2 millóns de euros comprometida desde hai anos para a execución dunha glorieta e un paso inferior na saída sur do Concello de Ordes, concretamente no punto quilométrico 37 da estrada N-550.

González, que recordou que esta obra fora comprometida polo entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, nunha visita efectuada a Ordes en agosto de 2015, incidiu en que se trata dunha actuación “fundamental” para a mobilidade e a seguridade viaria de toda a comarca.

Neste sentido, a popular explicou que a execución desa glorieta con paso inferior N-550 permitiría dar continuidade á rolda leste (AC-408 e AC-409) de circunvalación de Ordes para enlazada coa estrada de Carballo (AC-413) e co tanatorio e cemiterio municipal do Balado para, deste xeito, desviar do pobo, e sobre todo do barrio do Recreo, todo o tráfico pesado procedentes ou con destino á comarca de Bergantiños e ás plantas de tratamento de refugallos da Areosa ou a de Gesuga.

“A execución do proxecto implicaría un aumento da seguridade viaria, liberar de tráfico o centro da vila e reducir os cheiros e riscos sanitarios derivados do tránsito de camións cara as plantas da Areosa, entre as que se atopa unha factoría de procesamento e eliminación de animais mortos”, apuntou González.

Consecuencia do castigo a Galicia
Para a popular, a supresión deste proxecto é unha mostra máis do castigo orzamentario que sofre Galicia por parte do Goberno central. “Estamos ante unhas contas que supoñen unha nova marca no ensañamiento que o PSOE mantén con Galicia en xeral, e coa provincia da Coruña en particular”, denunciou González, quen non dubidou en afirmar que “igual que Sánchez se desentende da pandemia, agora volve demostrar que a nosa comunidade e, en concreto nosa provincia, non lle importan absolutamente nada”.

Dito doutro xeito, explicou a popular, Pedro Sánchez agasalla a Cataluña cos cartos que por xustiza son dos veciños da comarca para tratar de asegurar a súa continuidade na Moncloa. “Temos que soportar que cidades como Barcelona reciban unha choiva de 25 millóns de euros mentres aquí perdemos unha inversión que xa estaba comprometida”, concluíu González, quen asegurou que a súa formación “non se vai quedar calada” e presentará unha emenda ás contas ante o que cualificou de “atropelo intolerable”.