O PP urxe a Deputación a que axilice as obras da DP-0801 no tramo que une Cortiñán e Vixoi no Concello de Bergondo

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña levou ao pleno celebrado esta mañá un rogo no que o viceportavoz popular, Evaristo Ben, reclamou á institución provincial a que axilice as obras para mellora da seguridade viaria da estrada DP-0801 no tramo que une Cortiñán con Vixoi no Concello de Bergondo.

Na súa interveción, Ben lembrou que a Deputación adxudicou o pasado mes de outubro un proxecto que conta con 320.000 euros de orzamento e que permitirá ampliar a vía, construír un espazo peonil e dotar ás vivendas da zona da rede de saneamento correspondente.

“Falamos dunha actuación moi demanda polo Concello de Bergondo e polos veciños da zona e que, por desgraza, acumula grandes atrasos desde o seu inicio”, explicou Ben, quen incidiu en que, este pasado inverno, os residentes dsufriron desbordes de augas sobre as súas parcelas.

 

Ante esta situación, os populares aseguran que as obras “non se poden dilatar máis” e esixiron un “compromiso serio” por parte da institución provincial que non quede, dixo Ben, unha vez máis, en promesas que “xa sabemos que logo nunca se cumpren”.

Por último, Ben asegurou que é “complicado entender” que esta e outras actuacións non leven a cabo si a Deputación da Coruña conta con recursos económicos suficientes para poñelas en marcha. “Os veciños están cansados de que o diñeiro quede nos bancos e non se destine, como é a obrigación da institución provincial, a solucionar os problemas que sofren os veciños da provincia”.