O PP urxe á Deputación a que execute “canto antes” a senda peonil que une a Avd de Razo co núcleo da parroquia Oza

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña presentou no pleno celebrado esta mañá un rogo no que os populares urxen ao Goberno provincial a que execute “canto antes” a senda peonil que transcorre pola DP-1902 e que permitiría conectar o final da senda xa existente na Avenida de Razo con núcleo da parroquia de Oza.

A demanda chega despois de que o presidente da xestora do PP no municipio de Carballo, Rubén Lorenzo, mantivese nos últimos días unha reunión cos veciños da parroquia carballesa de Oza. “Estamos a falar dunha actuación que a Deputación da Coruña comprometeu a estudiar hai tempo pero que, ata a data, descoñecemos os prazos para a súa execución”, dixo o popular carballés.

Para Lorenzo, a construción da senda permitiría mellorar a seguridade viaria dun traxecto que serve para unir unha das parroquias máis importantes do Concello de Carballo co núcleo urbano do municipio. “Os veciños queren saber os prazos de execución e como vai quedar de maneira definitiva unha obra que hai tempo que están a pedir”, dixo Lorenzo, quen reclamou que a institución provincial “se deixe de anuncios e atenda as demandas dos veciños”.