O PP ve “irreal” e “populista o Plan Eume do BNG e esixe a Pontón que deixe a pancarta e actúe con coherencia

O portavoz de Medio Ambiente do Partido Popular no Parlamento de Galicia, Martín Fernández Prado, tachou esta mañá de “irreal” o Plan Eume demandado onte pola responsable do BNG, Ana Pontón, no que reclamaba un investimento de 250 millóns de euros para a posta en marcha de diversas actuacións relacionadas coa recuperación ambiental da comarca.

Os populares, que se mostraron partidarios de “coidar” e “potenciar” o parque coma un dos enclaves naturais máis importantes de Galicia e por suposto de solucionar xa os problemas de abastecemento no Eume, cualificaron a medida de “completamente incoherente, populista e afastada de realidade”, tendo en conta “o grave momento social e económico” que atravesa a nosa comunidade por culpa da crise xerada polo Covid-19.

“Alguén debería lembrarlle ao BNG que cos 250 millóns de recursos públicos que a señora Pontón reclama para o río poderíase financiar 5 veces a obra de ampliación do hospital público de Ferrol, crear máis de 50 centros de saúde ou facer fronte ata en 4 ocasións o saneamento integral da ría de Pontevedra”, expuxo Fermández Prado.

O portavoz de Medio Ambiente do PP no Parlamento lembrou que a conselleira Ethel Vázquez comparecerá no próximo pleno para dar conta das actuacións previstas para solucionar os problemas de abastecemento na comarca do Eume, mentres que, unha vez máis, o BNG se sitúa “detrás da pancarta” para poñer sobre a mesa propostas que “pouco ou nada” teñen que ver cos problemas que os galegos en xeral, e os veciños da comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal, en particular, teñen que afrontar no seu día a día.

“O que espera a xente dos seus políticos é menos demagoxia e máis solución, como as que está a poner en marcha a Xunta de Galicia. Non é de persoas responsables andar buscando titulares en lugar de propostas realistas e adecuadas á actual situación que vivimos”, dixo Fernández Prado.

Comarca olvidada polo BNG
Por outra banda, o popular aproveitou a ocasión para cargar contra o BNG ao que acusou de “non dar a cara” cando os veciños da comarca de Ferrolterra-Eume-Ortegal reclamaron o apoio fronte á crise da planta de Endesa nas Pontes, a obra de conexións co Porto Exterior de Ferrol, o mantemento dos postos de traballo en Gamesa, a loita dos transportistas de carbón ou as reivindicacións das auxiliares do sector naval.

“Para estes asuntos a señora Pontón non tivo tempo de vir dar a cara e pedir investimento a pesar de que moitos destes asuntos dependen directamente do Goberno central ao que o BNG avalou co seu respaldo en Madrid”, lembrou Fernández Prado, quen acusou aos nacionalistas de “ter esquecidos” aos veciños desta parte de Galicia.