O PPdeG destaca que o Camiño Inglés incrementou un 8 por cento o número de peregrinos neste ano

Os deputados do Grupo Popular Cecilia Vázquez, Ethel Vázquez e Jesús María Fernández Rosende destacaron hoxe o impulso que está a ter o Camiño Inglés, que se manifesta no incremento dun 8 por cento do número de peregrinos este ano, situándose como a cuarto itinerario xacobeo máis percorrido en Galicia, só por detrás do Francés, o Portugués e o Portugués da costa. “Estamos ante un atractivo turístico para Betanzos, reflexado nos case 5.000 peregrinos que pernoctaron no albergue da Casa da Pescadería, un edificio que a Xunta mellorará este ano con obras que roldarán os 200.000 euros”, sinalou Cecilia Vázquez.

Máis de 29.800 peregrinos levan percorrido este ano o Camiño Inglés ata Compostela, dos que practicamente a metade eran de procedencia estranxeira. Andalucía, Madrid, Comunidade Valenciana e Cataluña son as comunidades das que proceden a maior parte dos peregrinos, mentres que a nivel internacional destacan Italia, Estados Unidos, Reino Unido, Portugal e Alemaña.

Por outra banda, Ferrol foi o punto de partida escollido pola meirande parte dos peregrinos (95,9 por cento), ao tempo que tamén máis do 97 por cento fixeron o camiño a pe.

SETE ALBERGUES ENTRE FERROL E SANTIAGO

Cecilia Vázquez, Ethel Vázquez e Jesús María Fernández Rosende visitaron o albergue Casa da Pescadería de Betanzos, un dos sete aloxamentos públicos cos que conta o Camiño Inglés entre Ferrol e Santiago. O albergue betanceiro dispón dunha capacidade para 36 peregrinos, que dispoñen no edificio dunha habitación e un baño adaptado.

Os deputados populares destacaron o compromiso da Xunta coa promoción do Camiño Inglés e mostra disto foi a colocación esta mesma semana de sendas mouteiras nas cidades británicas de Winchester e Reading.