Ovidio Rodeiro salienta o compromiso da Xunta co interior galego ao dotar de 3,3 millóns o proxecto do “espello da Galicia rural” en Sergude

O deputado popular Ovidio Rodeiro salientou hoxe que a Xunta inclúa nos orzamentos para o ano que vén unha dotación de máis de 3,3 millóns de euros para o chamado “espello da Galicia rural” que se abrirá en Sergude.

 

Para Rodeiro, esta é “unha mostra máis de que a Xunta cumpre o que promete” e “unha boa nova para todos os galegos”, que poderán ver no Pazo de Quian “un reflexo a escala dos sectores produtivos de Galicia”, dende as viñas con denominación de orixe ata unha representación das mellores conservas, queixerías ou ata a construcción dun establo de madera.

 

O deputado popular lembrou que o Pazo de Quian está chamado a ser o futuro Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais unha vez que conclúan as obras de rehabilitación previstas pola Xunta e que pasan pola reforma da residencia de estudantes e o centro de rehabilitación e a restauración e rehabilitación íntegra do edificio.

 

Segundo o proxecto aprobado pola Xunta, e que contará en anos posteriores con máis investimento ata alcanzar os 10 millóns de euros, levantarase un edificio sobre a Cruz do Naveiro, que se denominará O Castro e que servirá de escaparate dos produtos galegos e tamén de promoción gastronómica co obxectivo de que os cociñeiros galegos poidan traballar nel con materia prima autóctona.

 

A promoción do Xacobeo

Ademais deste proxecto, Rodeiro falou dos importantes investimentos que se van realizar na zona relacionados coa promoción do Xacobeo. En concreto, están previstas diferentes actuacións en Ordes, Arzúa, O Pino, Melide, Padrón e Touro por un importe de máis de 2 millóns de euros e que, segundo o deputado popular, “servirán con toda seguridade de revulsivo económico para toda esta comarca”.

 

No eido das infraestruturas, Rodeiro quixo destacar o importante esforzo inversor que realiza a Xunta ao investir 1,6 millóns de euros nas obras da AG-59 aos seu paso por A Ramallosa, en Teo. “Mentres o Goberno Central pensa só en cobrar peaxes e en subir impostos, aquí en Galicia está claro que estamos máis centrados en traballar e en mellorar a vida dos galegos”, puntualizou o deputado.