Picallo estuda acudir aos xulgados ante as calumnias da alcaldesa cara á súa persoa tras a polémica pola mala fiscalización da piscina

O voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Cee, Jesús Picallo, avanzou onte que está a estudar a posibilidade de demandar á alcaldesa, Margarita Lamela, tras as declaracións da rexedora nas que deixaba entrever posibles irregularidades do popular na súa etapa á fronte da dirección do centro comercial de Cee e tras ameazar con destapar intereses poucos éticos por parte de Picallo no súa labor como líder local da formación política.

“As palabras da señora Lamela cara a min o outro día marcan un antes e un despois na política de Cee. Ata o de agora os enfrontamentos non foran, polo menos pola nosa banda, máis aló de críticas políticas, pero o do outro día xa non se pode consentir”, apuntou Picallo, quen lembrou que, xa na última campaña das municipais, a rexedora foi máis aló e instou a que o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, lanzará durante un mitin a sospeita sobre os negocios privados que o popular ten na comarca.

Lonxe de quedarse aquí, o popular convidou á alcaldesa para debater cara a cara todas estas acusacións e mostrouse disposto a poñer sobre a mesa a documentación necesaria que avala a legalidade dos seus negocios e a correcta xestión que levou a cabo durante o seu estapa como presidente do centro comercial de Cee.

Picallo, que instou á señora Lamela a que abandone esta campaña de difamación e se poña a traballar para mellorar o Concello de Cee, lembrou que esta polémica nace despois de que os populares reclamasen nos últimos días unha mellor fiscalización dos gastos e dos ingresos da piscina municipal que, tal e como lembrou, na actualidade supón un gasto ao ano para as contas municipais de case 80.000 euros.

Neste sentido, o voceiro popular insistiu en que o informe de intervención deixa moi claro que non se están fiscalizando correctamente as contas. “Existe un alto grao de incerteza e de presunción de veracidade que imposibilita unha fiscalización correcta dos fondos públicos. Iso é o que di o informe e é o que a señora Lamela non quere recoñecer. Tíñalle que caer a cara de vergoña. Non se pode mentir á veciñanza de tal forma”, apuntou Picallo, quen indicou que a labor do seu partido como principal grupo da oposición é controlar ao Gobierno Local e que o seguirán facendo a pesar de as ameazas da señora Lamela.

A polémica pola plaia de Caneliñas

Por outra banda, o voceiro dos populares aproveitou tamén para explicar as críticas que a súa formación levou a cabo sobre o feito de que a señora Lamela levase a cabo nas últimas semanas unha campaña de promoción turística da praia de Caneliñas.

“Parécenos fenomenal que faga promoción de Cee. Explicámoslle no último pleno o que foi Lires, o que foi Estorde, explicámoslle o que significa o que supón ter a Porta Santa, pero ela decidiu promocionar Caneliñas”, apuntou Picallo, quen concluíu subliñando que a alcaldesa debería explicar os motivos reais de por que decide promocionar Caneliñas e non outros lugares que están mellor preparados para recibir turistas.