Pleno na Deputación para tratar os peaxes da AP-9

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, encabezado pola súa portavoz, Rosa Gallego, presentou esta mañá un escrito polo que solicita a celebración dun pleno extraordinario no que demandar que o Goberno Central inclúa nos próximos orzamentos as obras de ampliación levadas a cabo na AP-9 para, desta maneira, evitar os incrementos extraordinarios nas tarifas durante os próximos anos.

Os populares incluíron tamén no texto unha petición para que aqueles usuarios –incluídos os vehículos pesados durante o fin de semana- que realicen un traxecto de ida e volta no mesmo día poidan beneficiarse dun desconto na tarifa do 25% en ambas as viaxes.

“Falamos dunha das arterias fundamentais de Galicia, conecta as cinco cidades -Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo- e, en consecuencia, vertebra o 60% da poboación galega”, subliñou Gallego, quen recordou que Galicia é unha das Comunidades Autónomas nas que a mobilidade está condicionada polo cobro de peaxes en autoestradas de titularidade estatal sen alternativa viable para desprazarse por estrada.

 

O compromiso do goberno galego

Neste sentido, os populares cualificaron de rechamante, o contraste que existe entre a situación  da principal autoestrada do Estado en Galicia, a AP-9, que afrontará unha importante subida das súas tarifas no ano 2020, coa doutras vías similares, como as de Tarragona-Alacante ou Sevilla-Cádiz, que deixarán de ser de pago para o usuario.

“A Xunta de Galicia está a realizar un grande esforzo neste sentido, xa que non só o próximo ano as súas tarifas non se verán aumentadas e sobre elas seguiranse aplicando bonificacións implantadas nas viaxes de ida e volta, como o realizados en horario nocturno, senón que ademais aplicaranse novos descontos para familias numerosas”, apuntou Gallego.

Ademais, a popular lembrou que os galegos sufriron xa dúas subidas extraordinarias dun 6% en dos meses debido ao acordo asinado polo PSOE no 2011, e polo cal Audasa comprometeuse a executar e adiantar o diñeiro dunhas obras de ampliación para, posteriormente, recuperar ese diñeiro – non a través dos Orzamentos Xerais do Estado, como sería esperable – senón a través de subidas acumuladas de peaxe do 1% durante 20 anos.

 

Situación agravada na provincia

O grupo popular aproveitou tamén a súa solicitude para incidir en que a “situación de desigualdade” vese agravada aínda máis na provincia da Coruña pola non construción do da ligazón Orbital, infraestrutura imprescindible para a mellora da mobilidade e competitividade en Santiago, e o “atraso evidente e inxustificado” na remodelación da Avenida de Alfonso Molina que constitúe a vía de entrada e saída do tráfico rodado na cidade da Coruña.

Non podemos quedarnos de brazos cruzados ante un trato tan desigual por parte do Goberno Central. É fundamental que todas as administracións galegas únanse na defensa dos dereitos dos cidadáns nun asunto de vital importancia para o impulso da economía da nosa comunidade e a mellora das comunicacións”, concluíu a popular.